EMUNICIPAIS 2015 - ENTREVISTA MANUEL ANXO FERNÁNDEZ BAZ (BNG-AA)
Manuel Anxo Fernández Baz: “Somos un equipo de persoas honestas, comprometidas e moi capaces. Temos o compromiso de converter Teo nun concello para vivir”
Manuel Anxo Fernández Baz, candidato á alcaldía de Teo polo Bloque Nacionalista Galego - Asembleas Abertas. Naceu en Ribeira en 1975 e é licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela, na que tamén realizou os cursos de doutoramento. Decidiu comezar no mundo da política ao ver que os sectores produtivos de Galicia estaban a ser destruídos, ademais do seu afán por "cambiar as cousas" e o "sentirse moi galego". Manuel Anxo defínese como unha persoa "moi teimuda, que cando cre nunha cousa intenta apostar por ela", unha cualidade que di, ten todo militante do BNG.
as novas de Teo: Que destacaría do seu equipo?
Manuel Anxo: Somos un equipo de persoas honestas, comprometidas e moi capaces. Temos o compromiso de converter Teo nun concello para vivir.
asnovas: Que problemas detectan en Teo?
Manuel Anxo: Os problemas principais son o do transporte público, a seguridade viaria, a conciliación laboral e familiar e a necesidade dun centro de día e dun centro de saúde.
asnovas: Pasamos a unha ronda rápida na que pedimos unha proposta para cada un dos seguintes eidos.
- Economía: Queremos levar adiante un plan de dinamización económica e poñer os alicerces para a creación de novas empresas.
- Educación: Poñer en marcha programas educativos de apoio para os nenos e nenas, pensando na perspectiva da conciliación.
- Igualdade: Seguiremos apostando polo plan de igualdade que puxemos en marcha dende o BNG e o seu desenvolvemento no futuro.
- Mocidade: É precisa unha política de mocidade que toque todos os ámbitos, dende vivenda até ocio, pero que conte coa mocidade. Que sexa unha política participativa.
- Cultura: Apoiaremos as medidas que desenvolvemos durante os cinco anos do goberno do BNG. Apoiaremos a cultura de Teo, priorizando o tecido asociativo propio.
- Transporte: É preciso poñer en marcha un verdadeiro transporte metropolitano e poñer en marcha as liñas interiores que están previstas, para conectar os núcleos coas dúas arterias principais, que son a carretera de A Estrada e a estrada N-551.
- Urbanismo: Se a deputación apoia as melloras no campo de fútbol de Reis, o BNG traballará para que se fagan efectivas. Tendo colaboración con outras administracións, intentaremos levar a cabo o centro polideportivo en Luou. En canto ás estradas, teremos moi en conta o estado das mesmas nas zonas do interior.
- Emprego: Mantendo o diálogo coas administracións, levaremos adiante programas de accións formativas para que as persoas se incorporen ao mercado laboral. Tamén proporemos a creación dun viveiro de empresas.
-Servizos sociais: Demandaremos a creación dun centro de día, que é unha débeda histórica da Xunta cos veciños e veciñas. Continuaremos apostando polas políticas antidesafiuzamentos e as iniciativas en prol dos máis desfavorecidos pola situación económica actual.
- Seguridade viaria: Precisamos dun plan integral de seguridade viaria en Teo.
- Saúde: demandaremos a creación do centro de saúde en Teo, outra débeda histórica.
asnovas: Todas as formacións van polas parroquias para consultar os problemas da veciñanza, pero despois, na chamada “casa de tod@s” non se nos escoita. De que serve un pleno no que os cidadáns non poden expresar a súa opinión. Cambiaría iso?
Manuel Anxo: Para nós a participación veciñal é fundamental. En 2007 aprobamos un Regulamento de participación veciñal que prevé un Consello de Relacións Veciñais que non foi creado. Queremos poñer en marcha este Regulamento e o Consello de Relacións Veciñais, pero os plenos deben ser algo diferente.
“Sin xente detrás, non podemos facer nada. Pero coa xente detrás vamos a conseguir todo para Teo”.
asnovas: Agora que todos os partidos fan xuntanzas coa veciñanza, como comezou a facer hai anos o BNG, decidistes incluír no nome da candidatura a referencia ás “asembleas abertas”. Por que destes este paso?
Manuel Anxo: Últimamente púxose de moda o emprego de termos como transparencia, participación veciñal… pero a xente debe saber que non todas as formacións os van a poñer en práctica; o BNG sí. Estes conceptos non deben quedarse só en palabras, deben ser algo máis, deben ter contido. Nós decidimos iniciar un proceso de asembleas abertas, nas que participaron simpatizantes e tamén xente que nunca se achegara ao BNG. Ese proceso foi derivando nese nome, que representa que o BNG abreu a súa estrutura para que máis xente poidese participar na política.
asnovas: Que opina das críticas que recibe o BNG sobre que é unha formación “enxebre” e “anticuada”?
Manuel Anxo: Estas críticas parécenme lamentables. Incluso nos chaman tradicionalistas, pero será porque defendemos a Galiza, defendemos o idioma, defendemos un proxecto para esta terra, defendemos o traballo para a nosa terra e defendemos que Galiza poida desenvolver os seus sectores produtivos.
asnovas: Coa desgregación BNG/ANOVA vaise producir unha diversificación de votos. Cre que o BNG poderá remontar e volver a acadar o volume de votos das pasadas eleccións?
Manuel Anxo: Acudimos ás eleccións cunha campaña austera, xa que temos problemas económicos como a maior parte da poboación. Saímos co noso programa e decímoslles aos veciños e veciñas que poden confiar en nós. Somos a forza que pode ofrecer realmente os compromisos que asumimos.
asnovas: Nesta lexislatura poidemos ver ao BNG de Teo como unha das formación máis reivindicativas e activistas no Concello. Mobilizáronse para declarar BIC a ponte de Pontevea, manifestáronse pola seguridade viaria, homenaxearon un ano máis ás vítimas da Batalla de Cacheiras… Que vos motiva a ser tan activistas?
Manuel Anxo: O BNG ten unha concepción da realidade moi crítica, e sempre estivemos en contra deste sistema económico. Somos a única forza política en Teo que estivo activa durante estes catro anos, con actos públicos, coa xente na rúa, realizando campañas polo comercio local, campañas informando da banca pública, campañas pola seguridade viaria… Necesitamos estar activos e a mesma militancia do BNG nos esixe estar sempre traballando.
asnovas: Por que deberían os veciños e veciñas teenses votar a súa candidatura?
Manuel Anxo: Porque o BNG é a garantía para que Teo non volva ao pasado, ao escurantismo e á desfeita urbanística. Fomos a chave do goberno en Teo e puidemos estar na alcaldía en calquera momento. Presentámonos para que Teo retome a transformación iniciada en 2007 e paralizada en 2012, ademais de que somos os garantes da ética e do compromiso.
Axenda Cultural

Concerto da banda de gaitas de Calo
Día: 11/09/2015
Hora: 19:00
Lugar: Praza dos encontros (A Ramallosa)

Concerto Banda Música de Calo
Día: 12/09/2015
Hora: 17:00
Lugar: Praza dos Encontros (A Ramallosa)

Conto Express
Día: 18/09/2015
Hora: 18:30
Lugar: Mediateca dos Tilos

Visita nocturna aos petróglifos teenses
Día: 19/09/2015
Hora: 21:00
Lugar: Capela de Cornide

Chungatrona, de Peter Punk
Día: 25/09/2015
Hora: 18:30
Lugar: Parque dos Tilos
Opinión
Queres expresarte?
Eres escritor ou escritora, poeta ou poetisa, e queres dar a coñecer o teu talento?
Precisas un espazo para que te escoiten, para opinar e denunciar os problemas que che afectan?
Envíanos os teus contidos a asnovasdeteo@gmail.com

Arquivo de novas
Mes / Ano

