Comeza o prazo de inscrición para o DiverTeo Nadal
- MLC | Concello de Teo
- 13 nov 2015
- 2 Min. de lectura
Esta actividade é un programa de conciliación que funciona nos centros escolares da Ramallosa, Calo e Os Tilos

O prazo para inscribirse no Diverteo Nadal estará aberto dende o 16 ao 30 de novembro. Este programa, segundo o consistorio, pretende ser «unha ferramenta de axuda para as familias na conciliación familiar e laboral» e funcionará os días 21, 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2015 e o 4 e o 5 de xaneiro de 2016.
Esta actividade está dirixida a nenas e nenos escolarizados nos C.E.I.P. ou no C.R.A. con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, tendo preferencia as cativas e os cativos empadroados en Teo.
O servizo funcionará nas escolas de Calo, A Ramallosa e Os Tilos en horario de 07:30
horas a 14:15, sen servizo de comedor, e até as 15:15 horas no caso de facer uso do comedor.
Para formalizar a inscrición, sinalan dende o Concello, é preciso entregar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello, entre o 16 e o 30 de novembro, de luns a venres de 08:00 a 14:00 horas ou os sábados de 09:00 A 13:00 horas.
Dende o consistorio saliantan ademais que o DiverTeo Nadal contará con 100 prazas para a e que o acceso se concederá por rigurosa orde de inscrición. O custo do servizo é de 3 euros por día e nena/o polo que a suma final será de 30 euros. A listaxe de admitidas e admitidos publicarase a partir do 3 de decembro na web municipal teo.gal e no taboleiro do Rexistro Xeral do Concello.
As persoas admitidas deberán realizar o pagamento entre os días 3 e 10 de decembro e teñen que entregar no Concello o xustificante antes do 11 de decembro.
O Concello informa ademais de que se establecerán «unha serie de normas para a recollida dos nenos e nenas á saída da actividade das que se informará aos proxenitores. Así mesmo tamén terán que cubrir na ficha de inscrición diferentes modelos de autorizacións (saídas, recollida do neno/a ou traslado por emerxencia por exemplo).
Comments