A Segunda Edición do Cacheiras Nadal Comedy volveu a encher de humor Teo
- as novas de Teo
- 14 dic 2014
- 2 Min. de lectura
/as novas de Teo
Cacheiras foi o lugar do encontro do humor o pasado 12 de decembro coa Segunda Edición do Cacheiras Nadal Comedy. Con este proxecto, creado polos comerciantes participantes e a compañía Chévere, explóranse as relacións que se establecen nos nosos comercios e invítase aos consumidores a acercarse a eles.

Nesta edición, participaron seis comercios, onde as representacións humorísticas foron a tónica da tarde. A xornada comezou ás 11:00 horas, co monólogo "Un café con Carlos Blanco" na panadaría San José. O monólogo, que conmemoraba o decimoquinto aniversario da panadaría e o seu como actor e cómico, xiraba en torno á actualidade, aínda que tamén facía alusións ao pasado, lembrando anécdotas súas na panadaría, da que foi cliente durante doce dos quince anos que leva aberta.
O resto de representacións aconteceron ao longo da tarde, sendo a clínica veterinaria TeoVet a primera parada do itinerario. Alí, unha vintena de persoas foron testemuñas do "Karaoke Empatía", co que se pretendía apelar aos sentimentos dos presentes, por medio dun vídeo no que unha parella relataba cómo eutanasiaron ao seu can na clínica e o apoio que nesta lles deron.
Ao final do "Karaoke Empatía", os asistentes trasladáronse ao local de Olga Martínez Novias, onde co musical "Xa sei que tes un traxe..." se facía unha sátira sobre a traizón entre amigas e clientas que van a mercar o seu traxe de noiva a outra tenda ou apostan por outra marca máis coñecida.
Despois aconteceu o gran debate entre a tradición e a tecnoloxía, co "Combate dos libros". Nun tatami colocado para a ocasión na Libraría O Trasno Viaxeiro, Ana, a dependenta, foi defendendo ao longo de tres asaltos as vantaxes do libro de papel fronte ao ebook, defendido pola súa adversaria. Coa colaboración do público, e tras varios golpes entre as contricantes, gañou finalmente o libro de papel.
Seguindo o roteiro previsto, ás 20:50 horas foi a vez da crítica ás desputas veciñais. En "Unha queixa é un agasallo?", representada na Inmobiliaria Noval, os empregados do negocio relataron tres historias, moderadas por unha narradora da compañía teatral.
As reducidas dimensións deste establecemento máis o aumento do público asistente ao longo da tarde, obrigaron a que a representación desta obra, e a seguinte, "Veñen por nós!", da panadaría San José, se representasen dúas veces.
En "Veñen por nós", as empregadas da panadaría San José, animaron aos espectadores cunha representación teatral na que os protagonistas eran os seus propios pans e doces. Con moito humor e naturalidade, os pans contaban o seu día a día na panadaría, no que a baguette se coroaba como o pan menos reclamado polos clientes, xa que nas grandes superficies se pode atopar "en paquetes de tres".
A despedida do Cacheiras Nadal Comedy, emprazouse no Ximnasio Wellness Sport, na que a "Wellness Orquestra" escenificou un histriónico adestramento onde cada actor latricaba sobre temas diversos e sen sentido ou tocaban diferentes instrumentos musicais, ademais de animar ao público a formar parte da comedia.
Un espectáculo excéntrico e hilarante que puxo o punto e final á segunda edición desta iniciativa.
Preme aquí para ver máis imaxes do Cacheiras Nadal Comedy.
Comments