O Pleno aproba o convenio entre o Concello de Teo e a Xefatura provincial de tráfico
- as novas de Teo
- 23 dic 2014
- 2 Min. de lectura
/as novas de Teo
Na sesión tamén se aprobou a modificación do uso das escolas unitarias de Francos, Rarís e Solláns, que pasarán a ser centros socioculturais e as dúas mocións que presentou o BNG de Teo, unha delas sobre o apoio ás persoas que perciben prestacións de estados extranxeiros e a outra sobre a creación dunha tarifa eléctrica galega.

O convenio bilateral entre o Concello e a Xefatura provincial de Tráfico pretende o desenvolvemento de varias accións en materia de tráfico e seguridade viaria, e concretamente no relativo á transmisión de datos e o acceso a rexistros. Consiste tamén na cesión de materiais, e o apoio técnico e económico para a elaboración de plans de seguridade viaria, entre outros engadidos futuros. Tamén se renovou o convenio de cesión de alcoholímetros e aparellos medidores de potencia e velocidade.
Na quenda de preguntas, o concelleiro Manuel Parajó (IN-Teo), salientou que este acordo non será beneficioso para os teenses e que o Concello terá que contratar máis persoal para xestionar as estradas. Pola súa parte, Manuel Anxo Fernández (BNG) solicitou o plan de seguridade viaria, que non aparece no convenio, e salientou a necesidade de que o comunicado do Concello fose redactado tamén en galego. En tanto ao concelleiro do PP, José A. Vázquez Pallas, reclamou a necesidade de que tamén se realicen quendas nocturnas para mellorar a seguridade dos veciños.
O concelleiro de urbanismo, Rafael Sisto (ANOVA), recalcou que este acordo non suporá un maior gasto para o Concello, xa que as obrigas que aparecen nel se veñen facendo dende hai tempo.
Despois deste punto, aprobouse por unanimidade a modificación do uso das escolas unitarias de Francos, Rarís e Solláns, que pasarán a ter unha función sociocultural.
O BNG de Teo presentou dúas mocións, ambas aprobadas por unanimidade. Na primeira delas, demandaban un mesmo réxime do IRPF para as pensións que proceden de estados extranxeiros, así como o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez, para que estas estean exentas de tributar. Tamén reclamaban a solicitude de información doutros países, como Suíza, para verificar que prestacións están sometidas a gravame co fin de evitar dobres imposicións.
Na segunda moción do BNG, expoñíase a necesidade da creación dunha tarifa eléctrica galega, "para que o Goberno Español, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, rebaixe un 30% as peaxes das tarifas, tanto para o consumo doméstico como para as empresas".
Comments