Os Socialistas de Teo denuncian o “pésimo estado do centro sociocultural dos Tilos”
- as novas de Teo
- 23 dic 2014
- 1 Min. de lectura
/as novas de Teo/ PSdeG-PSOE de Teo
No pleno do 22 de decembro, a concelleira Uxía Lemus, criticou o estado no que se encontra o centro sociocultural dos Tilos
A corporación socialista do Concello volveu a insistir no estado deficiente do local, no que salientan “os desprendementos de paneis de madeira na fachada, a dificultade na apertura da porta da sala de caldeiras, ou os problemas na instalación da calefacción”.

Debido ao estado no que se encontra o edificio, o PSOE de Teo aproveitou a quenda de rogos e preguntas do pasado pleno para preguntarlle ao grupo de goberno as causas do retraso dos arranxos, e se hai algunha previsión para os mesos, así como para as pintadas do centro.
O concelleiro de urbanismo, Rafael Sisto, argumentou que os problemas non foron solucionados "debido á ausencia do arquitecto municipal", o que para os socialistas "é moi curioso, dado que a resolución da Alcaldía do nomeamento do novo arquitecto municipal data do 15 de outubro deste ano, xa hai máis de dous meses".
Ademais, a concelleira Uxía Lemus cuestionou sobre a posibilidade de execución do aval da obra, por importe de 18.534,25 euros, ao que o concelleiro de urbanismo respondeu, sen determinar unha data, que se realizará.
Sobre as pintadas da fachada, Sisto sinalou que a limpeza das mesmas non é prioritaria, xa que con ela se “desgastaría” o revestimento de madeira do local e que este feito podería propiciar a creación de máis grafitis.
Comments