OPINIÓN | Propósitos de ano novo -electoral-
- as novas de Teo
- 13 ene 2015
- 2 Min. de lectura
/Manuel Antonio Lareo Camiña
Propósitos de ano novo (electoral)
Igual que comezamos cada ano novo con propósitos que, case nunca, chegamos a realizar, cada catro anos veñen uns cantos interesados a adularnos cos seus propósitos que, se chegan a gobernar a nosa vila, comunidade, ou país, prometen cumprir.
É aí cando lles volvemos a importar.
Permitídeme pois, que lles diga a estes interesados que comecen a trocar este sistema de promesas por feitos. Que xa estamos fartos, a rabiar, de interesarlles só cada catro anos para que metamos a súa papeleta nas urnas e despois fagan todo canto non prometeron.
Pode que esta crise, á que eu prefiro chamar ESTAFA, nos servise dalgo. A parte de para facer desaparecer a “clase media”, de quitarnos o noso dereito a queixarnos, de destruir a nosa educación e a sanidade públicas, de acabar co emprego, entre moitos máis atentados ás nosas vidas.
Agora, por sorte, lemos até a letra máis pequena de cada texto, e así será como leremos cada programa electoral de cada partido político, ou polo menos eu. E non volverei a confiar en quen vendeu as súas promesas para despois botalas pola borda e condenarnos á máis pura miseria. Emigrar ou morrer apestado.
Comezan agora longos meses de promesas, de moitos “farei isto, farei aquilo”… palabras, que voarán co vento igual que co alento de aire que as pronuncia. Só de nós dependerá non volver a caer nos erros do pasado, e só de nós dependerá volver a construir as nosas vidas: unhas vidas das que moitos se aproveitaron e se seguen a aproveitar día tras día.
De nós depende botalos ou votalos.
Seremos quen de espertar?
Comments