top of page

Entrevistamos a Sergio Clavero, profesor dos alumnos creadores da curta "Persoas"

  • Foto del escritor: as novas de Teo
    as novas de Teo
  • 15 ene 2015
  • 5 Min. de lectura

/as novas de Teo

Hoxe remata a votación da curtametraxe “Persoas”, participante no certame No Te Cortes e xestado na aula do profesor Sergio Clavero. Nado en Vitoria e licenciado en Belas Artes, leva impartindo clase dende hai 15 anos no I.E.S Cacheiras, onde traslada a súa experiencia nas artes aos seus alumnos a través das materias de Linguaxe Audiovisual e Cultura Audiovisual. Hai nove anos creou a firma Aturuxo Films, na que se enmarcan todas as creacións audiovisuais dos seus alumnos.


Sergio Clavero

as novas: Bo día Sergio. Como xurdiu a idea da creación da curtametraxe “Persoas”?

Sergio Clavero: Bo día. "Persoas" xurdiu hai un ano dun grupo de 4º da ESO, dentro do proxecto de alfabetización audiovisual que se fai no centro. Nese ano coincidiu que o instituto estaba inmerso nun programa de Comenius de teatro. Un dos nosos alumnos estaba nese proxecto, e como eu estaba ao tanto do que se facía nese grupo, vin a posibilidade de adaptar o guión teatral de "Persoas" ao ámbito cinematográfico. Na obra teatral, que se representou en Marsella e Hamburgo, tratábase o tema da emigración e propúxenlle ao guionista principal, Rafael Rey, que me pasara o argumento do que ían partir. Dende ese intre, os meus alumnos foron elaborando o guión cinematográfico.


an: Ao partir os dous guións da mesma idea, podemos ver o mesmo na obra teatral que na curtametraxe de “Persoas”?

S.C: Non, non teñen nada que ver. O teatro e o cine teñen dúas linguaxes diferentes. Tanto a versión teatral como a cinematográfica contaban con catro personaxes, pero despois cada obra tomou un camiño diferente. Vense os nexos en común, pero tamén as diferenzas.


an: E como traballades para que naza algo como “Persoas”?

S.C: Normalmente o que fago é traballar en grupos de cinco alumnos, e cada grupo ten que facer unha obra. Esas cinco persoas traballan xuntas a idea e logo repártense o traballo, polo que hai un productor, un director, un guionista, un director de fotografía e un técnico de montaxe. O proceso que seguimos é completamente profesional. Trátase de que os alumnos fagan todo o proceso: elaborar o guión, facer prácticas de cámara, facer a montaxe da curta, buscar localizacións, facer o casting…


"Persoas" xurdiu hai un ano dun grupo de 4º da ESO,

dentro do proxecto de alfabetización

audiovisual que se fai no centro"


an: E de que xeito se realizou o proceso de selección dos protagonistas de “Persoas”?

S.C: Os temas e os conflitos que se trataban na curtametraxe requerían que fosen interpretados por persoas adultas, e como a compañía Chévere é residente en Teo e xa viñeran ao IES de Cacheiras a facer varias actividades, aproveitamos e preguntámoslles se estaban dispostos a participar e, sen ler o guión nin nada, aceptaron moi amablemente. A partir dese momento, non entramos en contacto cos actores até que rematamos o guión de “Persoas”. Cando o recibiron, non puxeron ningún problema nin deron ninguna indicación, pareceulles perfecto. O problema máis grande foi o de cadrar as axendas de todos. Cada actor ten os seus proxectos e o máis complexo foi reunir no mesmo día aos actores que aparecían nas mesmas escenas. A pesar diso, deixáronse dirixir de marabilla polos alumnos. A rodaxe foi moi sinxela e estiveron á nosa enteira disposición.


an: Que outras dificultades atopades á hora de realizar curtametraxes coma esta?

S.C: A financiación. Estamos sempre buscando diñeiro de onde sexa. Buscando patrocinadores externos, privados… porque hoxe en día, un centro educativo, cos recortes e os gastos básicos, só dispón de diñeiro para certas cousas. A nosa necesidade primordial era dotar de ordenadores a aula, porque de seguido quedan obsoletos. Por exemplo, era imposíbel editar “Persoas” nos equipos antigos. Tiñamos que rebaixar a calidade dos arquivos, logo montalos, e volver a aumentarlles a súa calidade de novo, polo que tivemos que mercar un ordenador novo. Ademais, o centro adquiriu unha cámara semiprofesional grazas a unha rebaixa e, a raíz de gañar o premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, dotado de 3.000 euros, poidemos cambiar os demais equipos.


an: “Persoas” estivo a piques de gañar o premio do xurado no certame No Te Cortes, que organiza a fundación Germán Sánchez Ruipérez. Este ano engadiron un premio do público, no que, polo de agora, ides en cabeza.

S.C: Xa nos presentamos nunha edición anterior cuns spots sociais, cos que fomos finalistas. Nesta ocasión, no premio do xurado, que saíu en novembro, quedamos en segunda posición. Este ano, ademais, presentaron o premio do público, co sistema de votación mediante os “gústame” do Facebook. A partir de aí aproveitamos a forza das redes sociais para dar a coñecer a curta e ademais pedir o voto.


"Os actores de Chévere aceptaron participar,

sen ler o guión nin nada, moi amablemente"


an: Como valorades o apoio da xente?

S.C: O feito de que haxa máis de 1.000 votos recibidos significa que o viron, canto menos, 1.000 persoas. Eu explícolles aos alumnos que na fase de exhibición non remata todo, senon que é onde comeza o traballo. Hai que enviar os traballos a moitos festivais, porque é un dos medios para canalizalos e que se poidan ver.


an: Que existan este tipo de concursos incentiva aos alumnos a escoller as túas asignaturas?

S.C: É difícil sabelo. A veces parece que unha materia coma esta pode chamar moito a atención do alumnado e que todos a queiran escoller por parecer máis espectacular, pero coido que non é así. Eu teño o defecto de que cando me preguntan pola materia para elixila, dígolles que quen a elixa vai ter que traballar moito. Hai alumnos que veñen moi interesados e outros que non. O feito dos premios non ten tanta repercusión como parece. Se lles preguntas aos alumnos, seguro que moitos non saben que os gañamos.


an: E que proxectos tes pensados para este ano?

S.C: Como sempre nos estamos enredando, os de terceiro están a facer un spot social. Como son obras breves, pero cunha mensaxe clara, é un medio moi interesante de traballo. Ademais ten o compoñente de sensibilización social. En cuarto xa nos lanzamos un pouco máis alá e propúxenlles facer un vídeo-poema, que ten que transmitir unha mensaxe poética, pero cuns códigos narrativos non lineais. O complexo é trasladalo despois para que visualmente sexa atractivo.


"Aproveitamos a forza das redes sociais para

dar a coñecer a curta e ademais pedir o voto"


an: Para rematar, que sentimento cre que lles queda aos alumnos cando rematan o curso?

S.C: A min paréceme que eles senten a satisfacción de haber feito un bo traballo. Que todos os esforzos den lugar a unha obra que poden ver. Poden estar máis ou menos satisfeitos do traballo que fixeron, porque ti como alumno sabes os acertos e tamén os erros que cometeches; todo o que se puido facer e o que non se fixo. Sentes a satisfacción de que a xente ve a túa obra e se está proxectando. E despois están os premios, que son un recoñecemento que a ninguén lle disguta, pero vivir a experiencia de ir a Valencia ou a Ourense a recoller o primeiro premio é unha experiencia de satisfacción personal, do traballo ben feito. E tamén é un obxectivo que os procesos teñan un produto final que xenere satisfacción e non unha frustración de non rematar o traballo. Pero tamén lles digo que dos erros tamén se aprende.


an: Grazas polo teu tempo Sergio. Estaremos pendentes dos vosos futuros proxectos.

S.C: Foi un pracer. Até a próxima.


 
 
 

Yorumlar


+ NOVAS

Axenda Cultural

Concerto da banda de gaitas de Calo

Día: 11/09/2015

Hora: 19:00

Lugar: Praza dos encontros (A Ramallosa)

Concerto Banda Música de Calo

Día: 12/09/2015

Hora: 17:00

Lugar: Praza dos Encontros (A Ramallosa)

Conto Express

Día: 18/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Mediateca dos Tilos

Visita nocturna aos petróglifos teenses

Día: 19/09/2015

Hora: 21:00

Lugar: Capela de Cornide

Chungatrona, de Peter Punk

Día: 25/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Parque dos Tilos

Opinión
Queres expresarte?
 
Eres escritor ou escritora, poeta ou poetisa, e queres dar a coñecer o teu talento? 
 
Precisas un espazo para que te escoiten, para opinar e denunciar os problemas que che afectan?
 
Envíanos os teus contidos a asnovasdeteo@gmail.com

Arquivo de novas

Mes / Ano

bottom of page