Os socialistas de Teo reclaman a mellora dos pavillóns da Ramallosa e Os Tilos
- as novas de Teo
- 15 ene 2015
- 1 Min. de lectura
/as novas de Teo/ PSdeG-PSOE de Teo
Despois das obras acometidas para mellorar o pavillón de Calo, a agrupación de Uxía Lemus esixe o arranxo dos pavillóns restantes do municipio

Dende o PSdeG-PSOE de Teo instan ao goberno local a que escoite aos veciños teenses que se queixan da precaria situación dos pavillóns da Ramallosa e Os Tilos, xa que “están tan necesitados de arranxos urxentes como o de Calo”. Denúnciase, polo tanto, “que non haxa pavillóns de primeira e de segunda en Teo”.
Os socialistas sinalan a necesidade de que se pinten as pistas e as paredes de ambos pavillóns e trasladan a queixa de que “chove dentro das instalacións, sobre todo no pavillón da Ramallosa, que ten un uso fundamentalmente escolar”.
Ademais, o PSOE teense critica o incumprimento do contrato de limpeza das instalacións deportivas municipais, do que tamén se queixaron reiteradamente os veciños usuarios das mesmas, quen trasladaron persoalmente as denuncias ante o Pleno municipal.
A voceira socialista, Uxía Lemus, e o seu equipo, agardan a que “dunha vez por todas, desde o Goberno municipal se faga cumprir o contrato de limpeza das instalacións municipais” e lembran “a necesidade de que as obras de mellora se amplíen aos pavillóns da Ramallosa e dos Tilos, sen agardar as continuas queixas veciñais.”
Comments