OPINIÓN | "Vivir para traballar"
- OPINIÓN | MLC
- 22 ene 2015
- 2 Min. de lectura
Os últimos datos do paro, segundo a enquisa da EPA realizada polo INE, son moi esperanzadores. Falo con ironía, por se alguén non se decatou.
O paro baixou en 477.900 persoas en 2014, respecto ao ano anterior. Todo sería fermoso se non fose polos 5.457.700 parados que rexistra a mesma enquisa, ou polo aumento dos contratos temporais, ou o desemprego xuvenil. Iso sen ter en conta toda a poboación que está a emigrar e que propicia que os datos, aínda sexan máis festivos para o Goberno.
E é que agora, para poder vivir, xa non abonda cun traballo. Cando era máis cativo, sempre me meteron polas orellas aquilo de "tes que falar moitos idiomas, senon xamais atoparás un traballo!". Iso servía antes, cando non había máis corruptos que porcos no país. Agora precísanse tantos traballos como linguas me ensinaron en toda a LOXSE, LOE, LORELOLÉ, para poder vivir.
Contratos temporais. Contratos de 30 días, ou menos. Contratos de 3 horas semanais... Todos contan na enquisa. E iso, son traballos? Iso é vida?
Pero son bos datos, seica "España crea emprego en 2014 por primeira vez en sete anos", di El País. Sí. Tendo en conta que o vento ven do sur, que está chovendo e que son as tres da tarde. E así é. Os datos sempre son bos. Xa se encarga o Goberno de turno de modificar a forma de contar os parados para que así sexa. E se non, buscan a maneira de transformalos: hai cousa de dous anos, informáronme de que me deran de baixa na Seguridade Social, por ser maior de 23 anos, e que tiña que volver a rexistrarme. Pois ben, iso xa contou como unha alta máis. E coma min, moitos mozos máis contaron.
Pois só para iso contamos. Para elaborar cifras, estadísticas, MENTIRAS, para que outros as crean. E así, seguir a gobernar nas nosas vidas, para facernos máis súbditos e escravos.
Pero quedádevos coas cifras. Son moi boas.
Comentarios