Chega o Entroido a Teo
- CULTURA | as novas de Teo | Concello de Teo
- 24 ene 2015
- 1 Min. de lectura
O Entroido de Teo arranca o 1 de febreiro en Oza. A parroquia de Vilariño volverá a celebrar esta festa despois de case unha década
Marcado polo inicio da celebración dos xenerais da Ulla na parroquia de Oza, o entroido comezará en Teo o vindeiro domingo 1 de febreiro. Este ano, Teo será o primeiro Concello en celebrar esta tradición, compartida cos Concellos da Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Touro, Vedra e Vila de Cruces.
O sábado 7 e o domingo 8 de febreiro, será o turno da parroquia de Reis, onde haberá atranques durante os dous días ao redor das 19:30 horas. Seguindo a tradición, a parroquia de Cacheiras sairá a festexar o entroido o sábado 14 e o domingo 15. O sábado 14 tamén se celebrará na parroquia de Santa María de Teo.
Como novidade, Vilariño volverá a participar no entroido, festa que non se celebraba nesta parroquia dende hai preto dunha década, segundo o presidente da comisión organizadora. Vilariño acollerá con ilusión a festa o domingo 22 de febreiro.
O punto e final poñerao a parroquia de Bamonde o domingo 1 de marzo.

Comments