Alba María presentou o pasado domingo 25 “Aínda”, un albúm “cargado de ilusión e de ganas de facer”
- ENTREVISTA | asnovasdeteo.com
- 29 ene 2015
- 5 Min. de lectura
“Aínda” inclúe 8 cancións, entre as que se encontra o tema “Habaneira de Berlín”, co que a moza viguesa gañou o ano pasado o I Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo

Acompañada por Felipe Vilar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo), Carlos Freire (percusións), Alejandro Vargas (piano) e Ariel Ninas (harmónica), saíu Alba María ao escenario. Con paso firme pero delicado, a cantautora de 19 anos tomou o micrófono e comezaron a entoarse os primeiros compases da súa “Habaneira de Berlín”, canción coa que gañou o I Certame de Canción de Autor en Galego do Concello de Teo. De novo, a artista percorreu o escenario que, case un ano antes, visitou no concurso, e que agora pisa para presentar o seu primeiro CD, editado por aCentral Folque e o Concello de Teo.
Ante os asistentes, Alba María foi presentando unha por unha as cancións de Aínda: líricas reividicativas, irónicas, divertidas ou de homenaxe á persoas que pasron pola súa vida. Cancións cargadas de actualidade e de temas que nos afectan, como son o desemprego ou a inmigración e, en ningún caso, sobre o “amor romántico”, como dicía ela mesma con humor sobre o escenario.
“Aínda” bebe ademais de diversos ritmos do mundo, como dos habaneiros e dos tangos, influenciada, sin dubida, polos moitos grandes músicos da historia, como Gardel ou Machín, quen teñen un lugar nas letras de Alba María.
Alba María Rodríguez naceu en 1995 nas Palmas de Gran Canaria. Agora, reside na cidade de Vigo e, dende as novas de Teo, queremos que poidades coñecer un pouco máis a esta xenuína artista.
Pregunta: Cal é a túa formación musical?
Alba María: Fixen catro anos de acordeón no CMUS de Vigo, e actualmente estudo canto na Escola Livre da Música Popular Galega, na Central Folque. Tamén recibín clases de guitarra (que é o instrumento co que compoño maioritariamente as miñas cancións) e teño experiencia como pandereteira en diferentes grupos, que me deron moito vocal e culturalmente. Aínda así podo dicir que a miña formación musical está comezando agora, e eu teño a sorte de aprender fóra e dentro dun escenario.
P: Cando eras pequena, e comezaches a estudar música, algunha vez pensaches en que chegarías a gravar un álbum como "Aínda"?
A.M: Cando era pequena e comecei a estudar música era unha apaixonada alumna de acordeón que soamente pensaba en mellorar día a día co seu instrumento, pero sen mirar demasiado máis alá. Sacar á luz un disco con 19 anos non o imaxinaba a Alba dos 13 anos nin tampouco esta de 19 que se presentou hai un ano ao I Certame de Canción de Autora do Concello de Teo. A realización do disco pilloume por sorpresa pero aproveitei a oportunidade non por ningunha ambición nin obxectivo elevado senón para poder aprender: sei que son moi inexperta, e esta oportunidade, este apoio que recibín tanto por parte do certame como por parte d’aCentral Folque, vaime servir para irme formando musicalmente e ser unha boa profesional.
P: Que supón para ti compoñer as letras das túas cancións?
A.M: Para min supón un acto de liberdade, e de liberación. Quizais tamén de empoderamento, de ser dona do meu propio canto. Escribo como vivo e a verdade, vivo escribindo. A poesía que eu fago nace moitas veces ao servizo da música, pero outras veces é a música a que vén despois. Desde pequena xogo a abrir libros de poesía e a cantar coas melodías que eses poemas suxiren. Para min ser autora e ter a posibilidade dar forma exterior ao meu mundo interno.
"A realización do disco pilloume por sorpresa,
pero aproveitei a oportunidade para poder aprender"
P: Como definirías o teu primeiro álbum? Que sentimentos e reivindicacións podemos atopar nas cancións de "Aínda"?
A.M: É un álbum cargado de ilusión, de ganas de facer. Con el tento mostrar a realidade desde a miña perspectiva, sempre querendo deixar sitio para un punto de retranca, de ironía nas letras. A través de “Aínda” profundizo nos pros e contras do meu país: na emigración xuvenil actual, na situación das mulleres novas coma min, na necesidade de manter a esperanza e a forza para cambiar a adversa situación que vivimos. Musicalmente rodéome de músicos do jazz e do folque galego, e doulles a todas esas letras distintas augas nas que navegar, sempre bebendo de xéneros populares de todo o mundo coma a morna, o tango, a habaneira, o blues…
P: Canto tempo tiveches que traballar para que nacera este traballo? Como foi o proceso?
A.M:Pois traballamos durante 9 meses, desde que souben que gañara o Certame ata poder ver, non sen emoción, como “Aínda” chegaba materialmente ás nosas mans. Foi un proceso intenso no que puxemos moita enerxía. E digo nós porque alén da recompilación de pezas que xa compuxera, e a composición de letra e música de cancións completamente novas, que correron ao meu cargo, o resto foi un proceso colectivo de moitas persoas que se deron completamente ao proxecto: desde os músicos e arranxistas que tocan no disco e que me acompañarán no directo, ata o estudio onde foi gravado, ou a miña profesora de canto que está sempre comigo no dificultoso proceso de aprendizaxe vocal, pasando por todas as persoas da organización do Certame, do Concello de Teo, d’aCentral Folque… Verdadeiramente lévoos a todos e a todas dentro porque grazas a eles podo contar, cantar e expresar. Son un verdadeiro tesouro.
P: Tedes pensada a creación dun videoclip para algunha das cancións de "Aínda"?
A.M: Si! Comezo a traballar este mes xunto coa realizadora Sabela Vázquez na creación dun videoclip da canción “Pretéritas perfectas”. Vai conter moita tolería, moito xogo, moito dinamismo. Con el tentarei reproducir o espírito de “Aínda” ao máximo. Se estades atentos non tardaremos nada en subilo á rede.
"Con "Aínda" tento mostrar a realidade
desde a miña perspectiva,
sempre querendo deixar sitio
para un punto de retranca, de ironía nas letras"
P: Como ves tu futuro no mundo da música?
A.M: De momento vexo “Aínda” e vexo os concertos de presentación do disco, que agardo que me aporten moito en canto a experiencia. No futuro pretendo seguir a formarme, a mellorar como cantora, e nunca deixar de explorar vieiros novos. Gustaríame tamén retomar a miña formación como acordeonista, porque é un instrumento do que sempre estiven namorada e que interiormente me deu moito. Sei que non é fácil dedicar unha vida á música. Eu soño cun país onde se aposte por ela, e non sexa máis importante saber que temos antes que saber quen somos.
P: E xa para rematar… Estudas filoloxía galega, algún día poderemos ler un poemario ou algunha novela de Alba María?
A.M: A verdade é que penso que para publicar hai que ser moi valente. Escribo tanto poesía como narrativa curta, pero non teño intención de editar nada. A través dos concertos que dou como cantora e autora podo expresar e dar importancia á literatura doutros xeitos cos que me sinto máis cómoda. Ademais, na miña carreira de filoloxía, alén de me gustaren as materias de literatura, as miñas preferidas son as de lingua: son una apaixonada da fonética ou a sintaxe. Supoño que darlle a todo tampouco está mal!
P: Moitas grazas por darnos a coñecer un pouco máis de Alba María. Estaremos ao tanto dos teus proxectos.
A.M: A vós. Até a próxima!
Comments