O Concello de Teo presenta a II Edición do Certame de Canción de Autor en Galego
- CULTURA | asnovasdeteo.com
- 29 ene 2015
- 2 Min. de lectura
No acto estivo presente Alba María, a gañadora da anterior edición, quen interpretou o seu tema “Habaneira de Berlín”

A concelleira de Cultura, Carme Hermida, presentou esta mañá a II Edición do Certame de Canción de Autor en Galego. No acto, estivo acompañada polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, o delegado en Santiago de Gadisa, Román Roo, o director artístico do evento, Xoán Curiel, e a gañadora da primera edición do certame, Alba María Rodríguez.
Esta segunda edición presenta algunhas novidades respecto á anterior, entre as que salientan que o gañador do segundo Certame gravará un EP dunhas catro ou cinco cancións que se promocionará mediante cinco concertos. Este ano, ademais, a organización porá a disposición do artista gañador un deseñador gráfico para crear o deseño do EP.
O xurado que elixirá ao gañador estará composto por Carme Hermida, en representación da área de cultura do Concello, Juan Torreiro, representate da prensa musical especializada, Inés Portela, representante das produtoras de música galegas e Najla Shami, artista musical galega. Haberá tamén dous accésits outorgados polo público: un deles á mellor canción e o outro ao mellor artista.
No certame poderán participar tanto artistas que xa participaron na edición anterior, con novos temas, como outras persoas que non teñan ningún tema editado. Aceptarase calquera estilo musical e o prazo de inscrición estará aberto dende hoxe até o día 29 de marzo ás 15:00 horas.

Con esta iniciativa preténdese fomentar a creatividade e o emprego da lingua galega, piar básico do concurso. Da edición anterior, Xoán Curiel destaca a “sensación de éxito en canto a participación e en canto á calidade das propostas” e engadiu que cre que se cumpliron os “obxectivos propostos”.
Carme Hermida, pola súa parte, mostrouse orgullosa, xa que esta iniciativa é “única” no panorama musical galego e anima a participar nesta segunda edición a “todos e todas aqueles que teñan algunha canción en galego que cantar”.
A gañadora da anterior edición, Alba María, valora moito este tipo de iniciativas, que supón, para artistas descoñecidos, unha plataforma para poder comenzar no mundo da música “dun xeito máis fácil”.
Comments