Este venres preséntase "O pequeno é grande"
- CULTURA | asnovasdeteo.com | Concello de Teo
- 2 feb 2015
- 1 Min. de lectura
A obra, publicada por Através Editora, explora o mundo da agricultura familiar en Galicia

“O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa. O caso galego”, escrito por Emilio Carral e Xoán Carreira, analiza a importancia da agricultura a pequena escala. Trátase dunha “visión sobre a agricultura nas pequenas explotacións e busca afondar nas súas condicións e nas estratexias desenvolvidas”.
Para os autores, é imprescindíbel ver os distintos puntos de vista das pequenas explotacións para poder construir unha “visión real do papel da agricultura familiar no século XXI”.
A obra, na que se tratan temas xa coñecidos, ten un enfoque novidodoso no xeito de achegarse ás características do agro galego. Carral e Carreira intentan darlle resposta neste ensaio a diferentes cuestións, como coñecer quen habita hoxe o medio rural, cales son os diferentes tipos de explotacións agrarias galegas na actualidade ou cal é o papel da agricultura en pequena escala. En definitiva, un ensaio que aspira, polo tanto, a ser un punto de partida e non de chegada.
A presentación será o próximo venres 6 de febreiro ás 20:00 horas no salón de plenos do Concello de Teo.
Comments