O PP de Teo critica o "mal estado do pavillón da Ramallosa" e "as pistas de Calo e Lu
- POLÍTICA | asnovasdeteo.com | PP de Teo | Imaxe:
- 3 feb 2015
- 1 Min. de lectura
O grupo popular de Teo comprobou o pasado venres o estado do pavillón Ezequiel Mosquera da Ramallosa, en resposta ás peticións dos veciños usuarios das instalacións

Os populares de Teo informan de que, despois das queixas que efectuaron varios veciños,se achegaron ao pavillón para coñecer de primeira man o estado e as condicións nas que está o edificio. Despois de revisalo, salientan a "densa condensación" provocada pola "falta de ventilación" do pavillón, o que converte o solo nunha "pista de patinaxe". Ademais, a este feito hai que sumarlle as "filtracións de auga que caen do teito", o que provoca que "o firme resulte tan perigoso que as persoas se ven obrigadas a abandonar o pavillón antes de comezar os encontros deportivos".
Por outra banda, a formación encabezada por José Manuel Guerra, denuncia o estado das estradas de Cesar, en Calo, e Bustelo, en Luou. Estas pistas, segundo o PP de Teo, presentan "baches que ocupan a práctica totalidade do ancho da pista" e mesmo algunhas delas, sinalan, "quedan ao descuberto antigas capas e parcheados".
Segundo Guerra, estes feitos "din moito dun equipo de goberno que non levou a cabo unha soa obra en toda a lexislatura, pero di máis aínda que nin sequera coidou a infraestrutura que xa temos construída".
Comments