Xoán Carlos Carreira e Emilio Carral presentan "O pequeno é grande"
- CULTURA | asnovasdeteo.com
- 7 feb 2015
- 2 Min. de lectura
A presentación deste ensaio, que ten como eixo central a demostración da importancia da agricultura a pequena escala, contou coa asistencia da eurodiputada Lidia Senra

O acto foi presentado por Ignacio Iglesias, Concelleiro de Benestar Social, quen salientou na súa intervención que el non vía futuro no campo galego até despois da lectura deste ensaio, cando se deu conta da necesidade de "repensar os espazos intelectuais, xa que o pequeno sí pode ser grande". Destacou tamén que "o minifundismo é o que nos salva e nos permite chegar ao século XXI con esperanza".
A continuación, Xoán Carlos Carreira, profesor de enxeñaría agroforestal na Universidade de Santiago de Compostela, comentou que o motivo polo que se aventuraron a publicar este ensaio foi a inquedanza por demostrar "que as cousas cambiaron, que a agricultura a pequena escala nunca foi atrasada, senon moi produtiva". Carreira mencionou ademais que a agricultura minifundista "encaixa nos novos paradigmas, pois produce comestíbeis e presta servizos á comunidade, e mesmo fai un servizo de xestión do territorio", e insistiu en que este ensaio "quere ser un punto de partida sobre unha realidade que vale a pena".
Pola súa parte, Emilio V. Carral, profesor da área de ecoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, comentou que en "O pequeno é grande" se pode observar a outra cara do minifundismo, lonxe das estatísticas e métodos científicos que non cren na agricultura a pequena escala. Carral sinalou que, ollando ao seu redor, vía como xente da súa contorna podía vivir deste tipo de agricultura, e mesmo vía persoas que "podendo ter outro emprego, prefiría vivir da agricultura familiar, unha agricultura que hoxe en día é trending topic".

Despois da intervención dos autores do ensaio houbo un momento para a reflexión común, no que os asistentes poideron consultar e manifestar as súas propias cuestións e opinións sobre este tipo de agricultura, outra forma de vivir. Criticouse a falta de axudas da administración pública ou a preferencia das grandes superficies polos grandes cultivos fronte aos menos, e tamén se salientou a importancia deste tipo de agricultura como axuda á supervivencia, pois en tempos de crise, "a agricultura e a gandeiría deberían ser considerados sectores enerxéticos imprescindíbeis", como comentaba un dos asistentes.
Lidia Senra, eurodiputada pola esquerda galega no Parlamento Europeo, non quixo deixar pasar a oportunidade de acudir á presentación deste libro, do que espera que "axude a pensar máis sobre a importancia da agricultura familiar".
Os beneficios de "O pequeno é grande" irán destinados íntegramente ao movemento Altair.
Comments