Fría derrota do Cacheiras na Cañoteira | Xornada 22 da 2ª autonómica - Grupo 5
- DEPORTES | Fútbol | asnovasdeteo.com
- 9 feb 2015
- 2 Min. de lectura
O Cacheiras non soubo aproveitar as oportunidades que tivo ao longo do partido contra o Taragoña. Por outra banda, o derbi local saldouse coa vitoria do Praíña con 4 goles, fronte aos 3 lle que encaixou o Recesende

Cacheiras 1 - 3 Taragoña
Con esta vitoria, o Taragoña colócase na clasificación a tan só un punto do Cacheiras, que é terceiro. O equipo local non rematou de atopar a portería despois de varios intentos cos que poideron, canto menos, asegurar o empate. O primeiro gol do Taragoña chegaría na primeira metade, obra de Emilio González Crespo (min. 32') e non sería até a segunda parte do encontro cando Adán Maneiro encaixaría o segundo tanto dos visitantes (min. 56'). Pola súa parte, o Cacheiras non conseguiría abrir o marcador até o minuto 79' despois dunha falta que expulsaría a Sergio Rial, xogador do Taragoña. Foi Aitor Seoane Pallas o artífice do único gol dos locais no encontro. Finalmente, o Taragoña aproveitaría un desmarcamento de Alberto Laíño (min. 82') para asinar a vitoria con tres goles a favor.
Aquí podes ver un resumo dos goles do partido:
Praíña 4 - 3 Recesende
Vitoria para os branquiazuis no derbi teense, malia que o Recesende comezou con forza ao inaugurar o marcador tan só tres minutos despois do pitido inicial, cun gol de Osvaldo Guillín. Pouco despois empataría o encontro Orlando Villasenín (min. 11') e Jose González Rocha poría ao equipo local por diante no luminoso (min. 14'). Aínda na primeira metade Orlando Villasenín anotaría o terceiro tanto do Praíña (min. 38'). Outro quebradeiro de cabeza aínda ía sufrir o Recesende cando, no minuto 53', Villasenín encaixou o cuarto tanto dos locais e asinaría deste xeito o seu hat-trick. O equipo visitante, lonxe de renderse e asumir a derrota, esgotou os seus últimos folgos con dous goles: un no minuto 69', obra de Pablo Carabán, e outro no minuto 89', anotado por Jesús Parcero. O Praíña continúa oitavo despois desta vitoria, mentres que o Recesende mantén tamén o quinto posto.
Xornada 23
A vindeira xornada enfrontará ao Recesende co Atlético Oleiros (Devesiña - 16:15), ao Palmeira co Praíña (Campo Novo de Ventín - 16:15) e ao Sálvora co Cacheiras (A Fieiteira - 16:15).
Comments