Teo acollerá o Campionato de España de Trial co "VII Trofeo Concello de Teo"
- DEPORTES | Motociclismo | asnovasdeteo.com
- 10 feb 2015
- 2 Min. de lectura
A proba emprazarase o vindeiro domingo 21 de xuño e o percorrido desenvolverase polos montes de Lampai e Veitureira

Esta mañá tivo lugar a presentación desta proba, que se celebrará no vindeiro mes de xuño. O presidente do Club Motociclista de Teo, Casimiro García, xustificaba este amplo espazo de tempo até que se celebre a competición coa finalidade de "que se poidan apuntar o maior número de participantes e se corra a voz de que se vai a celebrar este evento en Teo".
A presentación deste evento contou coa asistencia do alcalde, Martiño Noriega, o concelleiro de Deportes, Anxo Rey, o presidente da Federación Galega de Motociclismo, Nano Ferro, e o mencionado presidente do Club Motociclista de Teo.
Na súa intervención, Martiño Noriega mencionou a importancia deste evento que "coloca Teo no mapa" e agradeceu os esforzos do Club Motociclista de Teo, que traballou arreo "para que unha competición coma esta chegue ao noso municipio". Ademais, Noriega aproveitou para destacar "o retorno socio-económico" desta celebración, que repercutirá tanto nas xentes coma nos negocios do Concello.

Pola súa parte, Anxo Rey recoñeceu o traballo do Club Motociclista teense, que agora "da un paso máis na consolidación dun proxecto no que a asociación leva a traballar durante anos". O concelleiro tamén destacou "o protagonismo que este evento lle outorga a á área do Mirador da Grela" e coincidiu con Noriega ao destacar "o retorno económico que pode ofrecer este evento". Rey tamén agradeceu os esforzos do Club teense e a Federación Galega para que este evento chegue a Teo.
Nano Ferro, presidente da Federación Galega de Motociclismo, tamén felicitou ao Club Motociclista de Teo e sinalou que este evento é un "premio ao traballo ben feito" e animou a que os membros do club "non se desinflen con este éxito e que sigan traballando para celebrar máis competicións coma esta".
Próximamente, o Club Motociclista de Teo irá aportando máis detalles sobre esta proba que se realizará o vindeiro 21 de xuño. O que sí se sabe xa é que o Club participará co seu equipo de trial CMTeo-SenraSport, integrado por dezaseis pilotos, e que será unha proba puntuable para o Campionato de España e para o Campionato Galego de trial en tódalas categorías. Está previsto que o primeiro piloto saia ás 9:30 horas da mañá.
Comments