O Concello solicita a Fomento a mellora da seguridade viaria en varias zonas do municipio
- POLÍTICA | asnovasdeteo.com | Concello de Teo
- 11 feb 2015
- 1 Min. de lectura
En concreto, trátase de incrementar a seguridade do cruce do Espiño e o paso de peóns das Galanas

O Concello de Teo remitiulle á Demarcación de Carreteras do Estado un escrito no que reclaman as melloras da seguridade viaria nun paso de peóns das Galanas e no cruce do Espiño, na N-550, xa que se trata “dunha vía con alta densidade de tráfico que ten importantes eivas de seguridade, sobre todo para os peóns”.
Na carta, explícase que no paso de peóns situado na Travesía de Galanas deberían haber “mellores medidas de seguridade e visibilidade para protexer aos peóns que o utilizan”, xa que o paso é moi utilizado, debido á proximidade dunha parada de autobús e do acceso á Urbanización Campos de Mirabel. Ademais, xunto á carta, anexouse un informe da Policía Local onde se constata que moitos condutores non respetan o paso de peóns e onde presentan alternativas como a colocación dun semáforo.
Do mesmo xeito, no escrito tamén se lembra a situación do cruce do Espiño, para o que o Concello leva reclamando dende o ano 2013 a construcción dunha rotonda para regular o tráfico que segue sen chegar.
Comentários