O BNG esixe que se rematen as beirarrúas no entorno do IES de Cacheiras
- POLÍTICA | asnovasdeteo.com | BNG de Teo
- 12 feb 2015
- 1 Min. de lectura
A demanda do BNG de Teo responde ás queixas dos veciños e veciñas de Cacheiras, que reclaman máis seguridade viaria na zona
O BNG recolle a denuncia de que as obras das beirarrúas do entorno do I.E.S de Cacheiras, incluídas no POS co fin de mellorar a seguridade viaria, están paradas dende “hai varios meses e nun estado que dificulta o desprazamento das persoas, pois seguen sendo cunetas con formigón en bruto”.
Dende a agrupación nacionalista, destacan tamén que na zona non hai pasos de peóns e, por medio do seu voceiro, Manuel Anxo Fernández Baz, consideran que “o goberno non debe caer na xa clásica dinámica preelectoral de deixar o remate das obras para as semanas previas ás eleccións” e instan a que o Concello responda “ás necesidades dos veciños” e se rematen os traballos para que “os veciños e veciñas poidan transitar polas escasas beirarrúas que hai no municipio”.

Comments