O PP apoia as queixas dos veciños de Calo nas obras de reparación de estradas e beirarrúas
- POLÍTICA | asnovasdeteo.com | PP de Teo
- 16 feb 2015
- 1 Min. de lectura
Os populares aseguran que moitos veciños perden, coa nova reforma, as súas entradas adaptadas para persoas con discapacidade

O grupo municipal popular considera “inexplicable” que nos traballos de acondicionamento das estradas e beirarrúas “as sendas que se están a construir reduzan o tamaño das mesmas” en lugar de “aproveitar para ampliar a vía”.
Segundo as medicións realizadas por membros do PP, as sendas “redúcense entre 20 e 30 centímetros de media”, polo que consideran “sensatas e xustas” as demandas dos veciños de Vilar de Calo e Texexe que, aseguran, se suman ás dos veciños da Pedreira.
En ambos casos, o partido dirixido por José Manuel Guerra considera “sorprendente” que “tendo espazo suficiente entre a estrada e os muros das casas, se opte por facer unha beirarrúa tan estreita que só permite o tránsito dun peón e onde, a maiores, se crea un oco entre a nova senda e os muros que é perigoso para os transeúntes“, xa que a veciñanza subliña que “estes ocos non serán máis que futuras fochancas polas que se filtrará agua para o interior das fincas”.
Dende o Concello aseguran que “se chegou a un acordo entre tódolos partidos” para comezar as obras das “sendas peonís”, e que estas “non teñen unhas medidas estipuladas”, senon que “se fan segundo as características da vía” onde se ubican e “intentando actuar na maior parte dos sitios co presuposto limitado que hai”.
Comments