Teenses pola Igualdade convoca a V Edición do Certame de Poesía María Mariño
- CULTURA | asnovasdeteo.com | Teenses pola
- 16 feb 2015
- 1 Min. de lectura
O prazo de presentación das obras remata o 16 de abril ás 12:00 horas do mediodía

A asocación Teenses pola Igualdade presenta unha nova convocatoria deste certame de poesía, no que participan traballos chegados de países como o Brasil, Chile, os Estados Unidos ou Francia, xa que o único requisito imprescindíbel das obras é que estean escritas en galego, independentemente da nacionalidade do autor ou autora.
Así como en edicións anteriores, os poemas poderán ser de calquera temática, sempre que sexan orixinais, inéditos e que non fosen presentados a outros concursos. Ademais, os poemas deberanse remitir por quintuplicado ao local da asociación.
O certame outorgará dous premios. O mellor poema do certame recibirá 300€ e o segundo 200€.
Na web da asociación pódense consultar o resto das bases do Certame.
Un certame nado dunha reivindicación
En 2007, a asociación Teenses pola Igualdade demandou ante a Real Academia Galega a escasa dedicación do día das Letras Galegas ás nosas escritoras, e propuxo que esta celebración se lle adicase á poeta María Mariño. Dende entón, a asociación propón novas edicións do seu Certame para "que non se esqueza o nome" desta poeta.
Algúns dos premiados en edicións anteriores foron Berta Roca Abuín (2013), María Lado (2011), Celia Parra (2009), e Adolfo Caamaño Vázquez (2007).
Comentarios