O Recesende rompe a xeira de derrotas gañando na Devesiña
- DEPORTES | Fútbol | asnovasdeteo.com
- 18 feb 2015
- 2 Min. de lectura
O Cacheiras xogará contra o Sálvora o sábado 28 ás 12:00 horas. Pola súa parte, o Praíña conseguiu a vitoria fronte ao Palmeira, que perde así o liderato da clasificación

Recesende 2 - 0 Atl. Oleiros
Despois de tres derrotas consecutivas, o Recesende xogou con forzas o partido contra o Atlético Oleiros. Malia que as condicións do campo non foron as mellores, pola climatoloxía, os locais demostraron que o terreo era seu con varias ocasións de gol. Pola súa parte, o Oleiros non era quen de crear boas oportunidades e só chegou á área do Recesende en contadas ocasións. Ningún dos equipos conseguiu estrear o seu marcador na primeira metade do partido. Habería que esperar á segunda parte, cando Pedro Alonso Núñez anotaría o primeiro tanto para o Recesende (min. 64'), tras un remate no que o balón bateu cun dos defensas do Oleiros e acabou dentro da portería. Tan só catro minutos despois, Rafael Alonso Núñez marcaría o segundo gol que lle daría a vitoria ao equipo local (min. 70').
Resumo das ocasións e goles do partido:
Palmeira 1 - 2 Praíña
O Praíña sube á sexta posición despois de gañarlle ao líder da clasificación. O Palmeira, tras esta derrota, cédelle o liderato ao Carcacía. O primeiro tanto do partido veu dun penalti que encaixou o equipo local tan só 3 minutos despois do inicio do encontro, e foi obra de Vicente Pérez Doval. O Praíña inauguraría o seu marcador cun gol de Miguel Míguez Meijomil no minuto 25. Semellaba o partido, a piques de rematar, que acabaría en táboas, até que Antonio M. Rebolo encaixou o segundo gol do Praíña, a falta de dous minutos para o remate do encontro (min. 88').
Xornada 24
A vindeira xornada de Liga, que se celebrará este domingo 22, enfrontará ao Esclavitud co Recesende (Novo Campo do Doce - 16:15), ao Praíña co Taragoña (Reis - 16:15), e ao Cacheiras co Queiruga (Cañoteira - 17:00).
Comments