top of page

VIAXE AO PASADO: Así nos aloumiñaban os políticos de Teo hai catro anos

  • OPINIÓN | POLÍTICA | asnovasdeteo.com
  • 20 feb 2015
  • 3 Min. de lectura

Facemos unha viaxe no tempo, en concreto ao ano 2011, cando os políticos teenses buscaban o voto dos cidadáns

"Teo é de todxs". A positividade e optimismo do BNG.

Ese foi o lema que escolleu o BNG de Teo naquel entón, cando aínda non existían escisións de ningún tipo. O vídeo propagandístico dos nacionalistas outorgáballe o protagonismo aos seus militantes, aos máis cativos e a outros veciños teenses, mentres a banda de Rock&Roll, Medomedá, amenizaba a produción co seu tema "Quero ver como te ris". Os sorrisos enchían por completo a minutaxe deste vídeo, mentres o elenco de actores e actrices ensinaba un cartel co texto "Teo é teu". Positividade e optimismo eran os sentimentos principais que intentaban transmitir dende a formación nacionalista durante os dous minutos e medio de vídeo, momento en que facía acto de presencia o actual alcalde en minoría, Martiño Noriega, que ensinaba un cartel cun texto diferente: "Teo é de todxs". O vídeo do BNG ten a día de hoxe máis de catro mil visitas, e quen sabe se grazas á positividade do vídeo ou á xestión do BNG do Concello, a formación conseguiu 9 concelleiros nas eleccións de 2011.



Se non queres Guerra, toma tres cuncas. Ilusión de sobra no PP de Teo.


O partido de José Manuel Guerra non só publicou un vídeo en tempos electorais, nin dous, senon que foron tres.


No primeiro dos vídeos, titulado "Teo Quere", que foi o lema escollido polo PP para as eleccións, unha voz en off que a máis dun lle soará, falábanos do capacitado que había que estar para xestionar un municipio como Teo. Ademais, os populares aproveitaban para denunciar a xestión que viña realizando o BNG no municipio. Crear garderías, mellorar a atención dos maiores, facilitar as comunicacións, atraer o turismo... eran algúns dos aspectos que prometía o vídeo do PP mentres o empresario Jose Manuel Guerra paseaba polos recunchos de Teo. O punto e final da reportaxe poñíao un grupo de cativos xogando co candidato á alcaldía nun prado.


O seguinte vídeo, publicado un mes despois, presentaba ao equipo do PP de Teo. A introdución do vídeo, mostrábanos aos militantes populares camiñando sobre a ponte de Pontevea, mentres se sobreimpresionaban termos como futuro, renovación, tradición, eficacia, austeridade, experiencia, xuventude, talento... mentres se ían sucedendo os primeiros planos dos candidatos a concelleiros, sempre sorrindo. Esta reportaxe remataba cunhas palabras de Jose Manuel Guerra que, estamos máis que seguros, hoxe non diría: "Porque queremos, porque podemos". Posteriormente, a multitude comezaba a aclamar ao candidato ao berro de "alcalde, alcalde".


E finalmente, chegamos ao derradeiro vídeo dos populares en 2011. "Ilusión, sóbranos". Un vídeo-documental dos preparativos de varios mitins do PP no que aparecían os seus militantes axitando bandeirolas e sorrindo. Ademais, o presidente da Xunta, tamén aparecía da man de Guerra.

Malia ilusión e o querer, o Partido Popular de Teo obtivo o seu peor resultado nunhas eleccións municipais en Teo: 1851 votos e 6 concelleiros.



"Teo en primeira persona". Así vía Teo o PSOE.


O PSdeG-PSOE de Teo tamén se aventurou á produción dun vídeo electoral, e fíxoo da man do candidato á alcaldía Jano Leis. No vídeo, Jano Leis presentábanos a necesidade de "recuperar o tempo perdido". A loita contra o desemprego, a construción dun centro de día e un centro de servizos múltiples... eran algunhas das medidas que o PSOE propoñía, ademais de ceder unha superficie de máis de un millón de metros cadrados, na zona da Lagoa, para construír un parque temático de carácter deportivo e recreativo que sería un punto de referenza na comarca de Santiago. O certo é que "Teo en primeira persoa" non puido ter mellor nome, pois só unha persoa, só un concelleiro, foi o que conseguiu o PSOE de Teo.


Chegamos á fin desta viaxe e agora só nos queda esperar ás próximas semanas para ver con que novidades nos sorprenden as formacións políticas teenses.


Veremos algunha superprodución de Steven Spielberg? Quen sabe...




 
 
 

Comments


+ NOVAS

Axenda Cultural

Concerto da banda de gaitas de Calo

Día: 11/09/2015

Hora: 19:00

Lugar: Praza dos encontros (A Ramallosa)

Concerto Banda Música de Calo

Día: 12/09/2015

Hora: 17:00

Lugar: Praza dos Encontros (A Ramallosa)

Conto Express

Día: 18/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Mediateca dos Tilos

Visita nocturna aos petróglifos teenses

Día: 19/09/2015

Hora: 21:00

Lugar: Capela de Cornide

Chungatrona, de Peter Punk

Día: 25/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Parque dos Tilos

Opinión
Queres expresarte?
 
Eres escritor ou escritora, poeta ou poetisa, e queres dar a coñecer o teu talento? 
 
Precisas un espazo para que te escoiten, para opinar e denunciar os problemas que che afectan?
 
Envíanos os teus contidos a asnovasdeteo@gmail.com

Arquivo de novas

Mes / Ano

bottom of page