A N-550 volve saldar unha nova vítima ao seu paso por Ameneiro
- SUCESOS | asnovasdeteo.com
- 21 feb 2015
- 2 Min. de lectura
Unha muller faleceu atropelada a noite do 20 de febreiro, arredor das 22:00 horas
Nova en ampliación*

A Nacional 550 volveu saldar unha nova vítima. A estrada que transcorre dende Tui até A Coruña foi testemuña, unha vez máis, doutra traxedia, esta vez á altura de Ameneiro (Calo).
Membros da Garda Civil de A Coruña informaron a este medio do tráxico suceso acontecido na noite de onte arredor das 22:00 horas. A vítima foi unha muller atropelada e o tráfico era denso e intransitábel na zona do suceso.
Arquívase a investigación para declarar "punto negro" o seu paso por Valga
Xa son contadas por decenas as vítimas que leva tras de sí a N-550. Novas recentes informan de que a Fiscalía ven de arquivar unha investigación para declarar "punto negro" o paso desta estrada en Valga, tras estudar 34 sinistros. A razón pola que se arquiva, segundo a Fiscalía, é que os accidentes non son imputábeis ás características da vía, malia o seu pésimo asfaltado nalgúns tramos, senon ás "distraccións, velocidades inadecuadas, somnolencia, comsumo de alcol, peóns que cruzaban en zonas non habilitadas a tal efecto, ou a presenza de animais ou obstáculos no medio da vía que dificultaban o paso dos vehículos".
O Goberno local e o PP de Teo reclamaron melloras na vía
Recentemente, o Goberno local ven de enviar unha carta a Fomento na que se solicita melloras na seguridade no cruce do Espiño e o paso de peóns de Galanas. Pola súa parte, o Partido Popular teense reuniuse coa deputada nacional Marta González para comunicarlle as necesidades do vial ao seu paso por Teo, en concreto polas zonas de Balcaide, Casalonga e Ameneiro, lugar do sinistro.
Comments