Personaxes de Hollywood e políticos nacionais visitaron o Entroido de Cacheiras
- CULTURA | Entroido 2015 | asnovasdeteo.com
- 21 feb 2015
- 2 Min. de lectura
Un peculiar Pablo Iglesias chegou á parroquia ataviado co "uniforme" do San Fermín, e Jack Sparrow atracou cos seus piratas para celebrar o carnaval dos Xenerais da Ulla
Ao longo da pasada fin de semana, o Entroido pasou pola parroquia de Cacheiras. O primeiro día de festa foi o sábado 14, cando o carnaval percorreu a zona "de abaixo" de Cacheiras: Montouto, a Póvoa, Cobas, a Barcia, Penelas, Tras do Eixo, as Noenlles, Procelas, a Torre, a Devesa, o Raxó e Feros. Mentres que o domingo 15, foi a quenda de O Sisto, Pedrouso, Vilar, Guldrís, Lamas, Montes, Solláns, As Laxes, Requián, a zona do instituto, a zona Igrexa, Sebe, a Pedra, Catro Camiños, As Pozas e Cacheiras.
Os coros de "bonitos" e de "vellos" tamén ían perfectamente diferenciados. Os primeiros, eran membros da comitiva de Jack Sparrow, piratas e doncelas ao mando do melenudo capitán. E os segundos, un exército da risa formado por distinguidos paiasos.
Un dos personaxes máis rechamantes neste Entroido de Cecheiras foi Pablo Iglesias, quen deixou de lado as siglas da súa formación para pasar un día como o líder de "Fodemos". César Goldi, actor do grupo Chévere e veciño de Cacheiras, comentaba na súa conta de Twitter a visita deste personaxe, a quen bautizou co alcume de "Fablo Igrexas".
Alén dos personaxes, os coros foron os protagonistas primordiais deste Entroido, e nas súas cancións aproveitaron para falar da corrupción, como foi o caso do coro dos bonitos, ou das festas da parroquia, en canto ao coro dos vellos.
Neste vídeo podes ver e escoitar dúas cancións dos coros do Entroido de Cacheiras:
En canto aos atranques, os Xenerais de Cacheiras aproveitaron a ocasión para falar dos conflictos entre Isabel Pantoja e Maite Zaldívar, criticaron a casuística das festas da parroquia, coma os "botellóns" na Igrexa e tamén debatiron sobre temas de política.
Preme nesta imaxe para acceder á galería de fotos do Entroido de Cacheiras:
Volve o Entroido a Vilariño despois dunha década
Aínda queda festa por diante no Concello, pois a próxima cita do Entroido será mañá, domingo 22. A comitiva partirá ás 11:00 horas da mañá cara Cerdeira, onde estarán até o mediodía. Despois de comer, pasarán pola outra parte da parroquia, hacia a zona de Bamonde e rematarán cos atranques sobre as 18:30 horas da tarde. Segundo informan dende a comisión organizadora, o Entroido de Vilariño contará con 8 persoas a cabalo: dous correos e seis xenerais, que irán acompañados dos coros de bonitos e vellos, ademais das carrozas e unha charanga que amenizará o percorrido.
Comments