top of page

Viaqua debe máis de 2 millóns de euros ao Concello de Teo

  • POLÍTICA | asnovasdeteo.com
  • 23 feb 2015
  • 2 Min. de lectura

Segundo un informe do Concello, sería a empresa xestora do abastecemento da auga a debedora e non o executivo teense

Dereitos e obrigas do Concello unha vez declarada a nulidade do contrato con Viaqua

Este informe de intervención contradí a información dada onte por El Correo Gallego e as queixas do Partido Popular teense, dende onde aseguran que “a irresponsabilidade do goberno local fai deste caso o de maior gravidade e o máis preocupante da actual lexislatura”, xa que o diario galego asegura no seu artigo que o Concello de Teo lle debe a Viaqua un total de 3.601.090 euros que, segundo o grupo popular, suporían que “Teo se vexa na obriga de prescindir de moitos servizos e melloras”. A voceira socialista, Uxía Lemus, pedirá explicacións acerca do retraso no proceso de municipalización do servizo da auga.


Pola contra, no documento presentado polo executivo teense, onde se desglosan os dereitos e as obrigas económicas do Concello, determinadas pola liquidación do contrato con Viaqua, extráese que o Concello debería realizar o reintegro de 864.501,64 euros á empresa, debido á nulidade do acordo de financiación e execución de obras, unha vez analizados o sobrecusto dos prezos aplicados e o tempo transcurrido dende a prórroga do contrato até a nulidade do mesmo.


Por outro lado, entre os dereitos do Concello, estipúlanse un total de 2.263.631,70 euros en concepto de liquidacións corrixidas no período 2001/2014, máis 762.246,10 euros do reembolso do custo da enerxía eléctrica que xa estaba a asumir o Concello segundo o contrato de xestión asinado en 1989. Ademais corresponderíalle a suma de 244.367,13 euros como indemnización á empresa Espina y Delfín, quen durante o período 2003-2014 foi xestora da EDAR de Calo, xa que Viaqua exercía o cobro da taxa de saneamento que se levaba a cabo por esta estación depuradora de augas residuais.


En total, unha vez deducidas as obrigas dos dereitos do Concello, estipúlase que a empresa Viaqua lle debe ao Concello de Teo un total de 2.405.743,29 euros.


Polo tanto, a nulidade do contrato do 30 de abril de 2007, emitida polo Consello Consultivo en data de 16 de xuño de 2014, invalidaría por completo as cuantías que reclama Viaqua e que aparecen no artigo publicado por El Correo Gallego na súa edición de Terras de Santiago.


Un contrato con imputacións


A prórroga por vinte anos do contrato con Viaqua, empresa coñecida co nome de Aquagest naquel entón, levou aos tribunais a concelleiros do Partido Popular de Teo, entre os que se atopan Armando Blanco, Vázquez Pallas, actualmente concelleiro do PP de Teo, ou Manuel Parajó, actualmente concelleiro de IN-Teo, todos eles imputados por prevaricación administrativa. O vindeiro 6 de marzo, o actual alcalde de Teo, Martiño Noriega, declarará como testemuña deste contrato da auga.

 
 
 

Comments


+ NOVAS

Axenda Cultural

Concerto da banda de gaitas de Calo

Día: 11/09/2015

Hora: 19:00

Lugar: Praza dos encontros (A Ramallosa)

Concerto Banda Música de Calo

Día: 12/09/2015

Hora: 17:00

Lugar: Praza dos Encontros (A Ramallosa)

Conto Express

Día: 18/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Mediateca dos Tilos

Visita nocturna aos petróglifos teenses

Día: 19/09/2015

Hora: 21:00

Lugar: Capela de Cornide

Chungatrona, de Peter Punk

Día: 25/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Parque dos Tilos

Opinión
Queres expresarte?
 
Eres escritor ou escritora, poeta ou poetisa, e queres dar a coñecer o teu talento? 
 
Precisas un espazo para que te escoiten, para opinar e denunciar os problemas que che afectan?
 
Envíanos os teus contidos a asnovasdeteo@gmail.com

Arquivo de novas

Mes / Ano

bottom of page