Resultados do Calo e o Rarís nas xornadas 20 e 21 de Liga
- DEPORTES | Fútbol | asnovasdeteo.com
- 24 feb 2015
- 3 Min. de lectura
Nos últimos catro partidos desputados polos equipos teenses na terceira división, só o Rarís conseguiu unha vitoria

O Calo sitúase deste xeito na décima posición da clasificación e o Rarís é oitavo. O Bugallido xa é campión de grupo a falta dunha xornada por desputar.
Calo 0 - 3 Luaña (Xornada 20 - 15/02/2015)
O Calo non conseguiu manter a súa xeira de vitorias ao perder contra o Luaña. Comezaron os locais cun gol no minuto 38, obra de Daniel Bouzas. O Calo chegou con posibilidades aínda de remontar no descanso, pero a segunda metade non foi propicia para os locais, pois no minuto 60, José L. Milán anotaría o segundo tanto do Luaña, e pouco despois, Pablo Berdullas sentenciaría o encontro co terceiro gol visitante.
Agrón 1 - 3 Rarís (Xornada 20 - 19/02/2015)
Única vitoria nestas últimas dúas xornadas para o Rarís, que conseguiu vencer ao Agrón malia comezar o partido en desvantaxe. Daniel Pereira abriría o marcador do Agrón tan só catro minutos despois do pitido inicial, pero ese sería o único tanto que conseguiría o equipo local. Sería un cuarto de hora despois cando o Rarís comezaría a súa ofensiva cun gol de Óscar Vales no minuto 22. O partido chegaría en táboas ao descanso. Xa na segunda metade, no minuto 62, Gabriel González conseguiría a vantaxe do Rarís, anotando o segundo dos visitantes, e dous minutos despois, Diego Lence conseguiría, co seu gol, a vitoria e os tres puntos para o seu equipo (min. 64').
Viduido 5 - 2 Calo (Xornada 21 - 22/02/2015)
Segunda derrota consecutiva para o Calo, nun partido intenso e cheo tanto de goles como de amarelas. O primeiro tanto foi para o equipo local da man de José A. Regueiro, quen asinaría, sen descanso, a súa tripleta (min. 6', min. 10', min. 33'). Cun 3 a 0 na primeira media hora de partido, todo pintaba escuro para o Calo, que chegou ao descanso con este resultado no marcador. Malia isto, parecía que o Calo comezaba a segunda metade con forzas, pois xa no minuto 48, Rubén Bello conseguía o primeiro tanto do Calo e aportaba un pouco de luz no partido. Pero finalmente, o Viduido contraatacaría para sentenciar aínda máis se cabe o encontro cos tantos de Denís Gasamans (min. 70') e Francisco Cancelo (min. 78'). O Calo conseguiría encaixar o seu derradeiro gol no minuto 84, obra de Andrés Pérez.
Rarís 2 - 4 Bugallido (Xornada 21 - 22/02/2015)
Con esta vitoria o Bugallido consegue o título de campión de grupo a falta dunha xornada para o final da Liga. Os primeiros goles do encontro foron anotados por Alejandro Gallego (min. 10') e Darío Sández (min. 14'). Pouco despois, Gallego volvería a marcar outro tanto no minuto 36' co que terían o partido asegurado xa no descanso. En canto o Rarís, Óscar Vales asinaría o primeiro tanto do conxunto no minuto 50, até que minutos despois, Daría Sández aseguraría de todo os tres puntos con outro gol (min. 63'). Finalmente, o Rarís anotou o seu segundo gol, obra de David Iglesias, a falta dun minuto para o final do partido.
Última xornada de Liga
Este domingo emprazarase a derradeira xornada de Liga, na que o Calo xogará na casa contra o Callobre, ás 16:30 horas da tarde, e o Rarís xogará contra o Negreira, á mesma hora no campo de Cepelo. O Rarís, pola súa parte, ten xa asegurada a oitava plaza da clasificación, gañe ou perda, mentres que o Calo pode aspirar a subir unha posición até o noveno posto, dependendo do resultado do Agrón e de se gañan o encontro.
Comments