Chévere presenta as súas actividades para o 2015 en Teo
- CULTURA | Teatro | asnovasdeteo.com
- 25 feb 2015
- 3 Min. de lectura
Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Miguel de Lira presentaron as actividades que desenvolverá a compañía Chévere este ano, nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no Salón de Plenos do Concello, acompañados pola Concelleira de Cultura, Carme Hermida, e o alcalde, Martiño Noriega

A compañía Chévere iniciou un novo proxecto de residencia teatral en Teo no 2012, único en Galiza, despois de 25 anos traballando en Compostela. O grupo teatral fixo esta mañá, nunha rolda de prensa, un balance sobre os seus traballos no municipio, entre os que salientaron a estrea de 3 producións escénicas e 5 Ultranoites, e a programación de 85 funcións teatrais e 23 sesións formativas.

Xesús Ron foi o encargado de abrir a presentación e facer esta análise do percorrido de Chévere no municipio e a nivel nacional. Estes tres anos supuxeron, para Ron, "a consolidación dun proxecto de compañía", e fixo alusión ao Premio de Teatro 2014 que gañou o grupo, premio que se lles outorgou polo seu "teatro de cohesión", participando coa sociedade, e non só conformándose co "teatro de escenario". Tamén nomeou iniciativas como o "Cacheiras Nadal Comedy", no que os comerciantes teenses participaban construíndo as súas propias pezas, e anunciou unha xira internacional que realizará a compañía a finais de ano por países da latinoamérica, como Uruguay, Chile ou o Brasil.

Patricia de Lorenzo, unha das actrices integrantes de Chévere, salientou a importancia de obras como "As Mulleres Bravas", que se representou esta pasada fin de semana en Calo, por ser unha peza de referencia do "teatro de perspectiva" que leva a cabo a compañía, que se engloba na temática do teatro de xénero. Patricia tamén fixo un percorrido polas obras representadas por Chévere, como a "Ultranoite no país dos ananos", que se volverá a representar esta fin de semana en Teo, e os campamentos de verán que realizaron con rapaces e rapazas teenses. A actriz anunciou que a finais de abril volverán as "Ultranoites" a Teo, dada a demanda que están a facer os seguidores da compañía teatral, e nas que analizarán, coma sempre, a máis rabiosa actualidade. Ademais, comentou unha serie de "intercambios teatrais" con compañías amigas de Chévere, como Retrete de Dorian Gray ou o actor Alberto San Juan, co seu solo "Autorretrato de un joven capitalista español".

Pola súa parte, a Concelleira de Cultura, Carme Hermida, non desaproveitou a oportunidade para "agradecerlle á compañía o seu aporte ao Concello no eido cultural", e sinalou que "en Teo se teñen feito moitas cousas, pero o mellor de todo foi a chegada de Chévere". Hermida tamén comentou o traballo da compañía, que conseguiu "desmitificar os prototipos de actores" que existen na actualidade, xa que "os actores e actrices de Chévere demostraron ser xente coma nós" e agradeceu "a proxección de Teo que leva a compañía alí a onde vai".

Finalmente, o alcalde Martiño Noriega gabou á compañía dicindo que "a súa chegada a Teo foi un agasallo" e agradeceulles ser o catalizador do programa cultural do Concello, co que "saímos gañando a veciñanza". Noriega tamén comentou o perfil transgresor de Chévere, quen conseguiu "establecer unións entre todos os tecidos da sociedade, dende os comerciantes até os veciños", e premiou o labor do grupo no seu esforzo "por poñer Teo no mapa, unha vez máis". O alcalde tamén comentou as virtudes dun proxecto de compañía residente coma este, que "aporta prestixio e retorno social e económico ao Concello".
Almanaque de actuacións de Chévere en Teo para o 2015
AS FILLAS BRAVAS
- 09/04/2015. IES CACHEIRAS
- 12/04/2015. AAVV A BAIUCA SOLLÁNS
- 22/05/2015. AC ROSALÍA DE CASTRO
ULTRANOITE NO PAÍS DOS ANANOS
- 27/02/2015. CSC A RAMALLOSA (12h00 para o IES Cacheiras - 22h00)
- 28/02/2015. CSC A RAMALLOSA (22h00)
ALÓ NO FONDO HAI SITIO ABONDO
- 23/03/2015. CEIP CALO
- 24/03/2015. CEIP OS TILOS
- 25/03/2015. CEIP A RAMALLOSA
ULTRANOITEO
- 30/04/2015. CSC A RAMALLOSA (22:00)
- 01/05/2015. CSC A RAMALLOSA (22:00)
- 02/05/2015. CSC A RAMALLOSA (22:00)
A VIAXE DOS CHÉVERE
- 20/03/2015. AC A MÁMOA (Proxección e coloquio)
COMPAÑÍAS AMIGAS
- 16/04/2015. IN MEMORIAN, de Retrete de Dorian Gray. CSC A Ramallosa (21:00)
- 08/05/2015. Autorretrato de un joven capitalista español, de Alberto San Juan. CSC A Ramallosa (22:00)
Comments