O BNG denuncia a mala execución das obras das novas beirarrúas
- POLÍTICA | asnovasdeteo.com | BNG de Teo
- 26 feb 2015
- 2 Min. de lectura
A agrupación nacionalista traslada as queixas dos veciños e veciñas das zonas afectadas por estes traballos

O voceiro nacionalista, Manuel Anxo Fernández Baz, critica que “unha cuestión que debería ser valorada positivamente provoca un importante rexeitamento entre a veciñanza polas deficiencias que presenta e pola problemática que xenera.”
Este é o motivo polo que o BNG de Teo lle reclama ao Concello "seriedade e responsabilidade na planificación da construción das novas beirarrúas", xa que, en troques de aproveitar todo o espazo dispoñíbel, "estanse a deixar tramos sen cubrir que só crean problemas, quedando un espazo inutilizado que podería ser adicado aos peóns".
Entre as zonas conflitivas, o Bloque teense, pon no punto de mira as obras de Texexe, A Pedreira, Vilar de Calo ou Cacheiras, onde denuncian "o mal deseño e a mala execución das obras por parte do goberno municipal", e reiteran asemade a súa aposta pola "humanización" e pola "seguridade viaria" que se reflicte, segundo a formación, "nas propostas que se fixeron no POS e no Pleno a través de mocións".
O Concello, pola súa parte, deféndese destas acusacións asegurando que "estas sendas peonís non teñen unhas medidas estipuladas" e que "se constrúen segundo as características das vía" onde se ubican, e manifestan que "se está intentando actuar na maior parte dos sitios posíbeis co presuposto limitado que hai".
Máis formacións defenderon aos veciños
Ademais do BNG, o Partido Popular teense tamén manifestou o seu desacordo na execución destas obras, sinalando que é “sorprendente” que “tendo espazo suficiente entre a estrada e os muros das casas, se opte por facer unha beirarrúa tan estreita que só permite o tránsito dun peón".
ความคิดเห็น