top of page

Teo Decide ou Teo Participa? | Opinión de Iván Tourís Fresco

  • OPINIÓN | Iván Tourís Fresco
  • 27 feb 2015
  • 4 Min. de lectura

Teo Decide ou Teo Participa?

Teo decide ou Teo participa?

Pouco queda xa para chamada “festa da democracia” que se ven celebrando cada certo tempo para que a xente decidamos quenes queremos que nos representen no primeiro nivel institucional, os nosos concellos. E como cada 4 anos asistimos ós típicos movementos das organizacións nesa suma de forzas e apoios nas que afrontar con garantías o proceso e tentar chegar a canta máis xente para acadar o ansiado posto institucional.


Se observamos friamente a situación actual, vemos que no momento no que vivimos, os problemas políticos son carga suficiente para que a sociedade mude a conciencia e queira que o cambio se dea en todos os ámbitos posibles para asegurar que as cousas se van a facer ben. E non digo que no noso Concello non se estean a facer ben. Penso que Teo é unha das excepcións, pero que tamén lle falta algo dese cambio.


Lemos e vemos, nos medios de comunicación, novas e artigos de todo tipo. Dende os que nos falan de forzas emerxentes que queren rexenerar a ilusión por mudar o sistema. Fálannos dun país das marabillas onde se vive en plenitude onde se di que se ten a mellor educación, a mellor sanidade, e que hai algo (pero pouco) de pobreza nas rúas. Outros simplemente nos falan do bos que son ou foron eles e o malos que son os outros, supoñéndoselle a todos a mesma tendencia social e política, pero non á hora de porse de acordo de quen ten que ocupar os postos.


Con todo, todas as forzas políticas tentan mudar para atraer a quenes, para eles, son o importante que é a xente que os elixe. Agora a moda é buscar formas de participación e de que a sociedade se implique xa que o momento é propicio para que as persoas do común sexan quenes tomen as rendas das súas vidas, dos seus hábitos, das súas crencias e sexan capaces de artellar formas políticas de colaboración na toma de decisións.


Nesas formas, polo menos no noso concello, non houbo aínda forza política que abrise a participación na confección das listas. Fálase de asembleas abertas, de primarias abertas, pero realmente non houbo máis que a implicación da militancia neses procesos. Tamén entendo o difícil que é achegarse á xente para que tome conciencia de que o concello o facemos o conxunto da cidadanía e non só quenes queremos que estean alí representándonos. Ser valientes tomando decisións non só implica seguir unha marcada liña política, tamén o debe de ser á hora de querer saber se esa línea é compartida polo resto e en qué aspectos son distintas as opinións para poder levar a cabo unha lína moito máis compartida e non levar sempre liñas enfrontadas que o que produce son a competencia e as dinámicas de votacións, confrontos e vencedores e vencidos.

Polo tanto, que opte a gobernar Teo, non debe facelo só no senso de facer o que cremos que é mellor para o concello porque nos debemos ós nosos. Hai que facelo para todo o conxunto da cidadanía, hai que facelo en termos de consenso entre as distintas propostas que se fagan, e esas propostas sempre deben ser coñecidas, estudiadas e debatidas polo conxunto da cidadanía e non quedarse só en conatos reducidos que logo tenten explicar porqué se fixo isto ou aquilo a uns e outros. Canta máis xente implicada nalgo, menos explicacións se teñen que dar porque máis xente participa e é consciente do que se fai e porque se fai.


Hai moitas plataformas no Concello que debe axudar a construílo, TeoBus, Teenses pola Igualdade, as ANPAS, as Asociacións Veciñais, as Agrupacións Culturais e todo tipo de texido asociativo que debería participar todos os días nas decisións e na solución ós problemas que poidan ir surxindo. Pero tamén se deben poñer mecanismos políticos para que flua a comunicación entre elas e as institucións, e, sobre todo, a cidadanía. Para que a xente queira participar, para que non haxa a excusa de a “política para os políticos”, para que non apetezca máis ver o sálvame que salvar a unha familia dun desafiuzamento ou a unha xente que fora estafada. E se fai falla máis tecido asociativo, débense poñer medios materiais e humanos para crealo, buscar políticas de inclusión social nas decisións e no día a día do concello.


En resumo, nesta próxima “festa da democracia” a fin debería ser a municipalización e o tecido de rede social que faga que a festa sexa todos os días e non só cada 4 anos. No que as políticas de municipalización se impoñan ás políticas de privatización. Que as políticas de fomento dos servizos sociais vaian substituíndo ás da caridade. Onde impere a cooperatividade fronte a competitividade. Onde non só nos preocupe se o camiño que pasa por diante da nosa casa está ou non asfaltado, se non que tamén nos preocupe se ós nosos veciños teñen as mesmas oportunidades de vida que podemos ter nós. En definitiva, que impere a veciñanza e as lóxicas de cooperación antes que as do medo, intereses propios e clasismos.


Iván Tourís Fresco


 
 
 

Comments


+ NOVAS

Axenda Cultural

Concerto da banda de gaitas de Calo

Día: 11/09/2015

Hora: 19:00

Lugar: Praza dos encontros (A Ramallosa)

Concerto Banda Música de Calo

Día: 12/09/2015

Hora: 17:00

Lugar: Praza dos Encontros (A Ramallosa)

Conto Express

Día: 18/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Mediateca dos Tilos

Visita nocturna aos petróglifos teenses

Día: 19/09/2015

Hora: 21:00

Lugar: Capela de Cornide

Chungatrona, de Peter Punk

Día: 25/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Parque dos Tilos

Opinión
Queres expresarte?
 
Eres escritor ou escritora, poeta ou poetisa, e queres dar a coñecer o teu talento? 
 
Precisas un espazo para que te escoiten, para opinar e denunciar os problemas que che afectan?
 
Envíanos os teus contidos a asnovasdeteo@gmail.com

Arquivo de novas

Mes / Ano

bottom of page