top of page

Rafael Sisto: "A municipalización do servizo da auga suporá un aforro de 250.000€ anuais para o

  • POLÍTICA | Entrevista | MLC
  • 2 mar 2015
  • 3 Min. de lectura

Nesta primeira quincena de marzo, a corporación municipal ten previsto celebrar un pleno extraordinario para aprobar a municipalización do servizo de abastecemento da auga

Municipalización da auga en Teo

O Concello prevé aprobar esta municipalización do servizo, que adestora xestiona a empresa Viaqua, como punto e final nas relacións entre ambas entidades por mor da nulidade do contrato que asinou en 2007 a executiva de Armando Blanco, xunto co voto de Manuel Parajó. Para coñecer con máis detalle como pode afectar esta medida á cidadanía e ao propio consistorio, entrevistamos a Rafael Sisto, concelleiro de Urbanismo.


P: En primeiro lugar, queremos saber que balance esperan acadar ao asumir a xestión deste servizo dende o Concello. Haberá beneficios ou só perdas?

Rafael Sisto: Inevitablemente a municipalización do servizo da auga suporá un beneficio para o Concello, que estimamos, segundo os datos que manexamos, de 250.000 euros anuais.


P: E ademais deste beneficio que esperan acadar, que vantaxes pode ofrecer esta xestión en primeira persoa?

R.S: Ademais do beneficio económico, outra das vantaxes de asumir directamente a xestión será poder levar o control de todos os procesos que se realicen, sabendo en que partidas se gasta máis, e en cales menos, e poder coñecer en todo momento os gastos que se efectúen e a súa repercusión, para poder priorizar deste xeito as medidas que interesen en cada momento. Non como ata agora, que a empresa era quen decidía o que se arranxaba antes, e o que non.

Rafael Sisto

P: Este beneficio que, según vostede se acadará, chegarán a notalo os cidadáns?

R.S: Entre as opcións que temos estaría a de rebaixar as tarifas, pero realmente, se miramos unha factura da auga, vemos que é un recibo trimestral no que o custo mensual de auga e saneamento pode estar nos 10 euros. Entón, por moito que chegásemos a rebaixar as tarifas, a baixada mensual non sería superior a un euro.


P: Entón, se tampouco se notará a baixada na factura, como repercutirá a municipalización entre os veciños?

R.S: Nós cremos que no que vale a pena esforzarse é en rebaixar os custos de enganche, sobre todo no saneamento. É por iso polo que lles pedimos aos técnicos que están a analizar o proceso que se axusten o máximo posible aos prezos máis baixos, para poder facilitar un prezo de enganche asequible.


P: De canto sería o aforro neste caso?

R.S: Como comentamos antes, o aforro na factura non sería significante, pero as tarifas de enganche sí se rebaixarán entre un 20% e un 25%, o que suporá un aforro dun mínimo de 100 euros neste servizo. Polo tanto o noso obxectivo será este, e non tanto rebaixar as tarifas, xa que as de Teo son unhas das máis baixas en comparación cos concellos da contorna.


P: En canto ao Concello, a onde irán destinados os beneficios que se consigan?

R.S: Somos conscientes de que hai unha grande parte do concello que aínda non ten saneamento, polo que o aforro que se consiga irá destinado ás obras de extensión das redes de saneamento e abastecemento.


P: Respecto aos traballadores de Viaqua, ao asumir o Concello a xestión do servizo, que será deles?

R.S: Neste aspecto o que din tódolos servizos xurídicos é que, ao asumir a xestión directa, os postos de traballo pasan a ser emprego público, polo que debe facerse unha convocatoria que respecte os principios de igualdade e libre concorrencia. Polo tanto, o que faremos nun primeiro momento será sacar as once prazas que actualmente ten o servizo a un concurso-oposición.


P: E que farán se algún dos traballadores recurre ante a administración en defensa do seu posto?

R.S: Somos conscientes de que se trata dunha situación xurídica complexa, con interpretacións para tódolos gustos, polo que temos que prever tódalas situacións que poidan darse. Se algún destes traballadores cre que vai estar amparado polas administracións pertinentes, sacaremos esas prazas da convocatoria pública e acolleremos eses empregados de forma transitoria ata que o xuíz resolva a sentenza. Se lles outorga a razón, quedarán como traballadores, e se non volveremos a sacar esas prazas a concurso, onde os mesmos traballadores poderán presentarse en igualdade de condicións que calquera cidadán.


P: Grazas polo seu tempo.

R.S: Ata a próxima.


 
 
 

Comments


+ NOVAS

Axenda Cultural

Concerto da banda de gaitas de Calo

Día: 11/09/2015

Hora: 19:00

Lugar: Praza dos encontros (A Ramallosa)

Concerto Banda Música de Calo

Día: 12/09/2015

Hora: 17:00

Lugar: Praza dos Encontros (A Ramallosa)

Conto Express

Día: 18/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Mediateca dos Tilos

Visita nocturna aos petróglifos teenses

Día: 19/09/2015

Hora: 21:00

Lugar: Capela de Cornide

Chungatrona, de Peter Punk

Día: 25/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Parque dos Tilos

Opinión
Queres expresarte?
 
Eres escritor ou escritora, poeta ou poetisa, e queres dar a coñecer o teu talento? 
 
Precisas un espazo para que te escoiten, para opinar e denunciar os problemas que che afectan?
 
Envíanos os teus contidos a asnovasdeteo@gmail.com

Arquivo de novas

Mes / Ano

bottom of page