Sisto comparece para explicar as súas responsabilidades na anulación parcial do PXOM
- POLÍTICA | MLC | Concello de Teo | PSdeG-PSOE de
- 2 mar 2015
- 2 Min. de lectura
O Concelleiro de Urbanismo compareceu no pleno do pasado xoves para expor o seu grao de responsabilidade no fallo do Tribunal Supremo que anula parcialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado en 2007

A edil socialista, Uxía Lemus, demandara esta comparecencia no mes de xaneiro para que o concelleiro explicase as irregularidades administrativas na tramitación do PXOM, o que foi calificado por Sisto como unha actitude "burda e irresponsable" por parte de Lemus "para converter este tema nun circo preelectoral".
Xa na comparecencia, o concelleiro salientou que se o obxeto da comparecencia era determinar a súa responsabilidade e a do grupo de goberno nas decisións de tramitación do PXOM que se vén afectadas pola sentenza, "a voceira socialista cae nun erro no plantexamento, xa que o fallo do Tribunal Supremo fala da tramitación autonómica do plan, que evidentemente non é responsabilidade deste concelleiro”.
Ademais, Sisto defendeuse das acusacións da voceira do PSOE sinalando que “no momento no que a Xunta declarou a innecesariedade de someter o Plan Xeral de Teo á avaliación ambiental", unha das causas da nulidade parcial do plan, "as consellarías competentes nesta materia estaban gobernadas por políticos socialistas”, argumentación que Uxía Lemus tildou de "esperpéntica" por sinalar como responsábeis ao PSdeG-PSOE de Pachi Vázquez.
Por outro lado, o edil de urbanismo incidiu en que "a aprobación inicial do plan tivo lugar en 2007, no goberno de Armando Blanco e Parajó, antes de que o executivo actual entrase no goberno", e tamén insistiu en que "na actualidade hai moitos máis concellos na mesma situación que Teo, con anulacións parciais dos seus PXOM pola ausencia da avaliación ambiental estratéxica" e asegurou que nos vindeiros meses se recabarán informes xurídicos e deberá abrirse unha interlocución coa Xunta para avaliar a situación.
Pola súa parte, Uxía Lemus lembroulle ao concelleiro que "nos Plenos de outubro do 2009 e abril de 2010, o grupo de goberno de Noriega, xunto cos votos de PP e Inteo, aprobaron de forma provisional os documentos correxidos do PXOM", ao que Sisto respondeu que "votaron a favor, porque non se ían a botar atrás nun proceso que durara 10 anos e no que se invertira un amplo orzamento".
Despois do pleno, a candidata socialista á alcaldía, resumiu a comparecencia sinalando que dende o grupo de goberon “preferiron manter un PXOM trufado de irregularidades, baixo a aparencia dun exercicio de responsabilidade cuns veciños que conseguiron tombar parte dese Plan", e engadiu que "aínda se atreven a felicitalos publicamente, como se non fosen os responsables da súa tramitación e aprobación".
Comments