OPINIÓN: "Puedo prometer y prometo..."
- OPINIÓN | Manuel A. L. Camiña
- 5 mar 2015
- 3 Min. de lectura
Prometer, prometer, prometer... Como serían unhas eleccións sen promesas?

Cada vez falta menos para maio e os partidos políticos comezan a adiantar os seus programas electorais. Escoitas veciñais, queremos escoitarte, ven falar con nós, facemos o programa contigo...! IMPORTAMOS! POR FIN NOS FAN CASO! Sí, sí. Ata o 24 de maio. Despois, se te vin xa non me lembro...
Porque non hai que ir moi atrás para ver algunhas promesas incumpridas dos gobernos que escollemos, precisamente, para que cumpran.
Neste caso, imos tomar como referencia o programa das eleccións 2011 do actual goberno teense. "En Teo, hai futuro". Así comezaba o dossier que preparara o Bloque de Teo para as eleccións de hai catro anos, onde nos enumeraban os traballos feitos, e as promesas para a próxima lexislatura en caso de gañar os comicios. E gañaron, vaia se gañaron. O BNG conseguiu en 2011 o seu mellor resultado, obtendo a maioría absoluta, aínda que un ano despois, coa escisión de ANOVA, o equipo de Noriega volvería a gobernar en minoría, desmarcándose así do Bloque e aceptando aquel programa como seu, asumindo así as responsabilidades de cumprilo.
Limpen as súas lentes, porque comeza a enumeración de promesas... non digamos "incumpridas", que aínda quedan 2 meses...
O equipo de Noriega prometía "Impulsar un viveiro municipal de empresas, elaborar un Plan de Acción Comercial do Concello, crear un sitio web do Comercio e a Hostalaría de Teo, mellorar o transporte metropolitano, crear o Consello de Relacións Veciñais como órgano consultivo de representación cidadá, instituir a figura do Defensor da Veciñanza de Teo, a construcción dun novo e grande centro sociocultural, construción de pistas de tenis e multideporte en Oza, Reis, Os Tilos e Calo, a creación dun Encontro do deporte en Teo, a elaboración do Mapa Turístico Dixital do Concello para identificar na reda a nosa riqueza patrimonial, a construcción dun novo centro de saúde na Ramallosa, implantar o servizo da Policía Local as 24 horas, ou superar os 20.000 habitantes..."
Estas son, por poñer un exemplo, algunhas das medidas ou promesas que podían ser cumpridas ou non, pero que aparecían no programa do BNG de 2011 e non cumpriu o goberno de ANOVA.
Cómpre salientar ademais o compromiso asinado por todos os membros de goberno de "asumir todos os compromisos adquiridos no seu programa" ou de "renunciar á acta de concelleiros" se así llo "demandase o BNG". Actualmente, os sete concelleiros de ANOVA estarían incorrendo no incumprimento deste código ético e tampouco renunciaron á súa acta de concelleiros.
Pero tampouco nos esquecemos dos programas dos demais partidos teenses, con propostas tan ambiciosas como a "creación dunha senda verde de SETENTA E CINCO quilómetros", ou a "conversión en bulevar do tramo da AC-841 entre Os Tilos e A Ramallosa" como prometía o Partido Popular, ou o "proxecto de construción dun grande Complexo Polideportivo-Recreativo-Medioambiental na zona da Lagoa" e a "creación dun novo polideportivo cuberto" como prometía o PSdeG-PSOE de Teo.
En definitiva, estaremos atentos aos novos programas que presenten os que serán a partir de maio os nosos representantes, para darlles caza nas propostas e promesas que chirríen máis da conta, e sobre todo, insistiremos en como van a por en march as súas iniciativas. Benvidos á campaña electoral das municipais 2015! Teñan coidado e non crean todo o que van a ler e escoitar nas próximas semanas...

Comments