Teenses pola Igualdade celebra o Día Internacional da Muller
- CELEBRACIÓNS | MLC
- 8 mar 2015
- 2 Min. de lectura
A asociación celebrou este ano a quinta festa das mulleres e das asociacións teenses

As integrantes da asociación mixta de Teo foron as presentadoras deste acto conmemorativo dos dereitos das mulleres, que se realizou na Casa Común de Rarís. A festa comezou coa actuación do grupo de pandeiretas "O Cruceiro do Monte" de Solláns, á que seguiu a lectura do poema "Novo e entrañable berro contra a violencia de xénero" de Xoán Xosé Fernández Abella, un dos primeiros membros da asociación Teenses pola Igualdade.
A celebración continuou con máis música da man da coral polifónica "Aleceia", a actuación do grupo Viceversa, as actuacións da Recreativa de Calo, cos grupos de querubíns e axóuxeres e o grupo de gaitas Asubíos de Rebordelo.
Despois, a asociación A Regionalista presentou a Carmen Buela, unha das poetas do Entroido de Teo, quen recitou algunhas das súas coplas, e posteriormente tiveron lugar as actuacións do grupo mixto de gaitas "Rosalía de Castro" e a "Charanga de Ponte Vella".
O punto e final da celebración poríao a presidenta da asociación, Rosa Gómez de Limia, que fixo a lectura do manifesto co motivo do Día Internacional da Muller, no que Rosa quixo adicarlle a celebración a "todas as mulleres que morreron sen coñecer a Igualdade e a todas as mulleres que deberían estar aquí e non están porque están a coidar enfermos, coidar vellos e a coidar nenos". Durante a lectura, a presidenta da asociación reclamou "un reparto equitativo dos traballos" así como o "recoñecemento do traballo das mulleres", e agradeceulle o seu esforzo a todos "os que traballan en busca da Igualdade e da xustiza social" e ás 15 asociacións que colaboraron para poder celebrar a V Festa das Mulleres. A festa rematou con máis música e unha merenda na que participaron as quince asociacións colaboradoras e varias empresas de Teo.
Preme sobre esta imaxe para acceder á galería fotográfica do evento:
Comments