top of page

Xiana Lastra: “Penso que o que máis vai chamar a atención da xente é a propia sonoridade do grupo”

  • CULTURA | RSR | Entrevista con Xiana Lastra
  • 9 mar 2015
  • 4 Min. de lectura

Composto por Xiana Lastra (voz), Roberto Rama (saxo) e Juan Collazo (percusión), Puntada sen Fío chega para quedarse. Aínda que xa coincidiran en outras formacións coma Odaiko, Fía na Roca, Os d’Abaixo ou O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía, estes tres músicos comezaron hai case un ano a súa andaina musical xuntos, que en maio deste ano terá a súa recompensa coa saída do seu primeiro disco “A lúa prendeu a luz”, para o que contaron co apoio de moitas persoas que, coma eles mesmos, querían ver este proxecto saír adiante. E para saber máis sobre o grupo Puntada sen Fío e o seu primeiro álbum, falamos coa voz do grupo, Xiana Lastra, quen ademais é veciña de Teo.

Puntada sen Fío

Pregunta: Como e cando nace Puntada sen Fío?

Xiana Lastra: Puntada sen Fío nace hai aproximadamente un ano e case sen querer. Chamáranme para cantar nun local grandes clásicos da música tradicional galega e preparei un repertorio xunto a Juan e Roberto. Os tres eramos amigos e coñeciamonos de tocar xuntos ou por separado noutras formacións. Foi entón cando pensamos que a cousa soaba ben e que ao mellor había que montar algo en “firme” entre os tres. De aí naceu o grupo.


P: Cales son as vosas influencias á hora de facer música?

X.L: As nosas influencias son moitas e moi variadas e, ademais, supoño que as de cada un son moi diferentes. Todo o que escoitas dende neno inflúe no que fas dalgún xeito. No meu caso, foron moitos os solistas e os grupos: María Manuela, Mini e Mero, Miro Casabella, Berrogüetto, Milladoiro... pero tamén grupos e cantantes doutros estilos, de fóra de Galicia. A música coa que te crías e a que despois decides escoitar porque che gusta, son clave no que despois fas. E, claro está, unha vez comezas a actuar e a facer música, e nós xa levamos varios anos tocando noutras formacións, vas conformando o teu propio estilo e descubríndote a ti mesmo.

Xiana Lastra

P: Como foi o proceso creativo?

X.L: Había temas que xa tiñamos claro que ían ir no disco porque xa os tocamos nas poucas actuacións que tivemos ata o momento e viamos que funcionaban moi ben, como é o caso de Eco. Cando nos decidimos a gravar, refixemos o repertorio que estabamos tocando habitualmente e buscamos pezas tradicionais que se axeitasen ben ao que facemos, a como soamos e ó que queremos contar en “A lúa prendeu a luz”. Ademais, buscamos que o disco tivese como nexo común “o tempo”. Tódalas pezas falan dalgunha maneira diso: de como afrontar o seu paso, de acontecementos que marcaron a nosa historia, das súas consecuencias... E despois, unha parte tamén fundamental no que foi a parte creativa é que decidimos encargarlles os arranxos a Pedro Lamas e a Roberto Somoza, dous músicos moi experimentados e que nos axudaron a darlle o toque final ás pezas e a explotar a nosa sonoridade.

Xiana Lastra, vocalista de Puntada sen Fío

P: Que podemos atopar entonces no voso primeiro disco, A LÚA PRENDEU A LUZ?

X.L: É un disco bastante diverso. Componse de nove temas dos que algúns son tradicionais, outros de autor e tamén hai algunha tradución de pezas doutras linguas ao galego. Penso que o que máis vai chamar a atención da xente é a propia sonoridade do grupo, xa que empregamos instrumentos que non son os habituais nunha formación deste tipo.


P: Para a súa produción recorrestes ao crowdfunding. Por que por este medio?

X.L: Vivimos un momento no que non é doado autoeditar un traballo discográfico. Os custos son moitos e as axudas moi limitadas. Queriamos que fose algo noso, no que non houbese mans de terceiros polo medio, para poder facer o que nós queiramos co noso traballo. Tiñamos algún carto aforrado dos concertos que fixemos ata o momento, se ben non era nin minimamente suficiente para poder sacar o disco. Entón, decidimos pedir axuda a través do micromecenado. Nós mesmos somos usuarios deste sistema e apoiamos a outras iniciativas que nos parecen interesantes, polo que foi unha opción a valorar.

Xiana Lastra

P: A falta de pouco menos dun mes para que remate o prazo de doazóns, xa tedes todo o diñeiro necesario para lanzar o álbum. Que sentides ao ver cumprido o voso obxectivo e sentir a aceptación da xente?

X.L: Pois o certo é que foi toda unha sorpresa. Solicitamos unha cantidade inferior á que nos facía falla porque tiñamos medo a non chegar ó obxectivo marcado e a quedar sen nada xa coa maquinaria en marcha. E mira ti! A colaboración da xente foi total e iso emociónanos e agradecémolo enormemente. Que as persoas que te coñecen, e moitas outras que simplemente te escoitaron algunha vez tocar nalgún sitio e lles gustaches, che dean tremendo apoio e a súa confianza no que fas é moi gratificante.


P: Cando comezará a gravación deste CD?

X.L: Agora mesmo estamos ensaiando aínda, porque como dixen antes fixemos tódolos arranxos de cero e hai que familiarizarse de novo coas pezas. A idea que temos é entrar a gravar nas últimas dúas semanas de marzo.


P: Cando poderemos ter o voso CD nas nosas mans?

X.L: A nosa idea é telo a comezos de maio.


P: E despois do seu lanzamento, cal será o voso obxectivo?

X.L: Dar moitas puntadas e espallar a nosa música por cada recuncho no que nos acollan ademais de, e por riba de todo, que todas aquelas persoas que nos apoiaron estean satisfeitas co resultado e co que teñen nas mans.




 
 
 

Comments


+ NOVAS

Axenda Cultural

Concerto da banda de gaitas de Calo

Día: 11/09/2015

Hora: 19:00

Lugar: Praza dos encontros (A Ramallosa)

Concerto Banda Música de Calo

Día: 12/09/2015

Hora: 17:00

Lugar: Praza dos Encontros (A Ramallosa)

Conto Express

Día: 18/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Mediateca dos Tilos

Visita nocturna aos petróglifos teenses

Día: 19/09/2015

Hora: 21:00

Lugar: Capela de Cornide

Chungatrona, de Peter Punk

Día: 25/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Parque dos Tilos

Opinión
Queres expresarte?
 
Eres escritor ou escritora, poeta ou poetisa, e queres dar a coñecer o teu talento? 
 
Precisas un espazo para que te escoiten, para opinar e denunciar os problemas que che afectan?
 
Envíanos os teus contidos a asnovasdeteo@gmail.com

Arquivo de novas

Mes / Ano

bottom of page