Martiño Noriega preséntase ás primarias de Compostela Aberta
- POLÍTICA | MLC
- 11 mar 2015
- 1 Min. de lectura
O alcalde de Teo, a falta de dous meses para as eleccións municipais, preséntase a liderar a candidatura de Compostela Aberta nos vindeiros comicios de maio

A piques de pechar o prazo para a presentación de candidaturas, Martiño Noriega confirmou esta tarde o seu propósito de encabezar a listaxe de Compostela Aberta, despois de oito anos de goberno en Teo.
Con esta decisión, Noriega únese a outros nomes coma Branca Novoneyra, Xan Duro, ou Alfonso Zarauza, da listaxe Gañar Compostela.
Martiño Noriega, alcalde dende 2007
Noriega conseguiu en 2007 gañarlle as eleccións ao Partido Popular de Armando Blanco, quen levaba gobernando doce anos. Aínda así, fíxoo nun mandato en minoría. Catro anos despois, no 2011, a cidadanía teense volveu a confiar na súa candidatura por outra lexislatura, desta vez con maioría absoluta, até que no 2012, coa escisión de ANOVA do BNG, Noriega veríase outra vez nun goberno minoritario, xa que os concelleiros de ANOVA decidiron manterse no goberno.
Por outra banda, o aínda alcalde de Teo contradí con esta decisión a súa afirmación non teño "ningún interese en concellos veciños nin en listas europeas", como expuxera en xaneiro de 2014 nunha entrevista de Radio Obradoiro.
Comments