A débeda do Concello cífrase en 2.194.446,22 euros segundo un Informe de Intervención
- POLÍTICA | MLC
- 19 mar 2015
- 2 Min. de lectura
Tomando como referencia o inicio do mandato de Martiño Noriega, a débeda redúcese en 190.935,46 euros.
En tempo de eleccións, o endebedamento do Concello é un tema recorrente para as formacións políticas. A oposición, defende que a débeda aumentou durante esta lexislatura, mentres que o grupo de goberno defende que disminuíu. Quen ten razón? Intentamos botarlle un pouco máis de luz a este baile de cifras.
A interventora Mónica Lado Varela elaborou un informe sobre o nivel de endebedamento do Concello a data 21/01/2015, que sitúa a débeda viva do municipio en 2.194.446,22 euros, fronte aos 2.385.381,68 euros de débeda que atopou a agrupación de Martiño Noriega no comezo da súa primeira lexislatura, en 2007. Polo tanto, dende 2007 a 2015 a débeda do Concello de Teo disminuíu en 190.935,46 euros.

Pero por qué esta disminución tan cativa? Dende o Concello, explican que "os atrasos de pagos de facturas no ano 2007 eran maiores que os de agora, pero ditos atrasos non contabilizaban como débeda". No ano 2012 o Goberno do Estado, aplicou o programa de pago a provedores, co que moitas facturas atrasadas se converteron en créditos obrigatorios cun 6% de interese, que se lle pagaba a entidades financeiras. En 2012, segundo o Concello, "transformamos os atrasos no pago de facturas en débeda viva e ademais pagáronse varios créditos a longo prazo que deixara pendentes a executiva de Armando Blanco".
Dende o Concello tamén xustifican que no período 2008/2009 se lle ingresou unha cantidade superior á que lle correspondía das participacións dos Tributos do Estado que se tivo que devolver unha vez que a administración detectou o erro, en 2011. Contando ademais co feito, segundo o Concello, de que o consistorio recibía o mesmo orzamento durante os anos de crise, mentres o IPC era maior.
A interventora que realizou este informe, non incluíu como débeda viva estes créditos, xa que "se considera que o Estado fixo un adianto no pago dos seus tributos".
Comments