O PSOE de Teo non entende a “campaña compostelá” de ANOVA Teo
- POLÍTICA | RSR | PSOE de Teo
- 19 mar 2015
- 2 Min. de lectura
O grupo socialista móstrase “estupefacto” ante o que cren unha xustificación da carreira política de Martiño Noriega pola parte de ANOVA Teo

O PSG- PSOE de Teo apoia as peticións “coherentes e lóxicas” respecto á dimisión ou redución do salario do actual alcalde teense, Martiño Noriega, ao entender que a súa candidatura en Compostela Aberta anula a súa “dedicación exclusiva” ao Concello de Teo.
Segundo sinala o PSOE teense nunha nota de prensa, “a condición de Noriega e os seus como concelleiros non adscritos, tras deixar o grupo municipal do BNG, partido polo que foron elixidos nas municipais do 2011, ten como resultado que no caso de dimisión do Alcalde, Teo quedaría nunha situación de desgoberno a dous meses dunhas eleccións, froito da irresponsable conducta dun rexedor que leva tres anos centrado na súa mediática carreira política, lonxe das necesidades de Teo”.
Uxía Lemus denuncia ademais, “o esperpéntico espectáculo dun tenente de alcalde, Rafa Sisto, que defende publicamente a fusión entre Teo, Ames e Santiago” en troques de "reflexionar sobre as causas de que moitos veciños de Teo vivan en Santiago e durman en Teo". Causas, que segundo a voceira socialista, son a "falta de servizos fundamentais como un centro de día municipal, a ausencia de políticas de fomento do emprego en Teo, a inexistencia de transporte intramunicipal, ningún desenrolo industrial nos últimos anos, a falta de articulación territorial entre as parroquias, a nula planificación das melloras do rural e o crecemento vexetativo negativo".
Con estes argumentos, os socialistas de Teo defenden que "nós formulamos unha alternativa de futuro, dun Teo artellado, cunha xestión caracterizada pola planificación e a transparencia, referente en temas medioambientais, e o mais relevante, humanizado. Que sexa un concello para os veciños, para que residan e vivan, e non só un concello dormitorio: viarios, aumento de servizos sobre todo para os maiores e con emprego".
Lemus conclúe sinalando que "unha futura fusión non sería en igualdade de condicións, senón unha mera absorción, cun claro gañador, a cidade de Compostela, e unha clara perdedora, que sería a veciñanza teense”.
Yorumlar