BNG-Asembleas Abertas de Teo presenta a súa candidatura para as Eleccións Municipais
- POLÍTICA | MLC | BNG Teo
- 24 mar 2015
- 2 Min. de lectura
A presentación da candidatura terá lugar este venres 27 a partir das 20:30 horas no restaurante San Martiño de Calo

O BNG de Teo aprobou por unanimidade en asemblea aberta a candidatura completa coa que concorrerá ás eleccións municipais baixo a denominación de BNG-Asembleas Abertas, que estará encabezada polo actual voceiro municipal, Manuel Anxo Fernández Baz.
A agrupación nacionalista realizará este venres venres 27 a partir das 20:30h, no restaurante San Martiño en Francos (Calo) un acto aberto aos veciños e veciñas, no que participará tamén o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.
O BNG concorre ás vindeiras eleccións de maio manifestando ser “a única candidatura nacionalista e de esquerdas no concello de Teo, composta por 27 persoas comprometidas co proxecto de converter Teo nun concello para vivir”.
Esta candidatura, segundo Manuel Anxo Fernández Baz, ten como obxectivo “sacar o concello da parálise na que se viu sumido desde a saída do BNG do goberno municipal”, para o que aseguran contar “cun equipo excelente comprometido cos veciños e as veciñas de Teo” que presentan un “proxecto para Teo que se está construíndo coas propostas realizadas nos encontros que se están celebrando nas parroquias e lugares do concello”.
Eixos do programa do BNG-Asembleas Abertas
Fernández Baz matiza ademais que “os seis eixos do programa son: A participación veciñal, o Plan de seguridade viaria e de humanización do concello de Teo, un diagnóstico integral dos servizos básicos; o reforzamento dos servizos públicos de calidade para todos e todas; a transparencia como motor da actuación política; e o apoio á mocidade a partir dunha concepción integral e participativa da política xuvenil.”
O BNG concorre aos comicios de maio co fin de “recuperar a transformación iniciada en Teo hai oito anos, para que o goberno municipal recupere a iniciativa política, sendo así a garantía para que non volva ao pasado, á política do escurantismo e dos recortes en dereitos e servizos, do caciquismo do Partido Popular, rexeitada por unha ampla maioría social, para transformar Teo nun concello que sexa un referente para os seus veciños e veciñas.”
Comments