O Pleno aproba a municipalización do servizo da auga
- POLÍTICA | MLC
- 30 mar 2015
- 2 Min. de lectura
A medida foi aprobada por 10 votos a favor da corporación municipal, PSOE, e BNG, mentres o PP e IN-Teo votaron en contra

A sesión plenaria de marzo debatiu, entre outros puntos, a aprobación do proceso de municipalización do servizo da auga en Teo. Rafael Sisto, Concelleiro de Urbanismo, realizou a defensa das vantaxes de asumir a xestión directa deste servizo básico, entre os que salientaba o aforro de "máis de douscentos mil euros anuais para o Concello".
Na rolda de intervencións da oposición, Manuel Parajó (IN-Teo) comezou manifestando a súa opinión negativa sobre esta medida, denunciando que o Concello "non será quen de xestionar este servizo como o viña facendo a empresa concesionaria".
Pola súa parte, Uxía Lemus (PSdeG-PSOE) deixou testemuño de que está a favor da municipalización aínda que "con dúbidas" acerca da memoria que se elaborou sobre o servizo da auga, ademais de criticar que este proceso "culmine no período de precampaña e campaña electoral".
A continuación, Manuel Anxo Fernández Baz (BNG) manifestou o seu apoio á iniciativa defendendo que "dende o BNG votamos pola xestión pública dos servizos públicos" e aclarou que "Teo non é pioneiro na municipalización da auga, porque xa se fixo noutros concellos".
Rematou a rolda de intervencións Carmen Leborán (PP), quen manifestou en repetidas ocasións o apoio dos populares sobre a medida que se ía a aprobar, aínda que rexeitando o apartado dos traballadores da empresa Viaqua, quen deberán presentarse á oposición-concurso do servizo ou reclamar ante os tribunais, xa que o Concello non pode subrogalos.
Finalmente, a municipalización foi aprobada con 10 votos a favor (ANOVA, BNG, PSOE) e 7 en contra (PP e IN-Teo).
Entre outros puntos da orde do día que foron aprobados, atopábase a prórroga por un ano do contrato do alumeado público, que se aprobou cos votos de ANOVA, BNG e PP mentres PSOE e IN-Teo se abstiveron. Ademais, a moción do BNG de Teo para declarar a ponte de Pontevea como Ben de Interese Cultural foi aprobada cos votos de tódalas formacións, agás IN-Teo, que non votou.
A parte final da sesión plenaria contou coa moción presentada por vía de urxencia do BNG, na que se instaba ao alcalde de Teo, Martiño Noriega, a renunciar ao seu soldo por adicación exclusiva. Con toda a oposición a favor desta renuncia, o alcalde especificou que os grupos podían presentar unha moción para retirarlle completamente o seu salario e acusou ao voceiro do BNG de cobrar do Parlamento Galego e ademais presentarse á alcaldía de Teo. Tras isto, a oposición foi abandonando o Salón de Plenos entre berros de varios asistentes, algúns acusando ao alcalde de "demagogo" e outros tildando a Fernández Baz de ser parte da "casta".
Commenti