Adecuánse as instalacións dos colexios teenses
- POLÍTICA | RSR | Concello de Teo
- 1 abr 2015
- 1 Min. de lectura
Aprovéitase, desta maneira, o período vacacional de Semana Santa para acondicionar os centros
Durante este período non lectivo están levándose a cabo obras nos centros escolares da Ramallosa, Calo e Os Tilos. Segundo o Concello, estas obras “céntranse nas zonas exteriores, acondicionándoas e mellorando as instalacións desgastadas”.
Segundo o Concello, a obra máis destacada efectuouse no CEIP da Ramallosa, onde “as choivas fixeron necesario” o acondicionamento do firme da zona de estacionamento, situada na parte traseira do centro. Ademais, saneouse o exterior, xa que o deterioro “provocaba continuas avarías”, e illouse a zona de xogos infantís do aparcadeiro, o que aseguran dende o consistorio que “provoca unha importante mellora en canto a seguridade no centro”.
No CEIP de Calo, por outra parte, asfaltouse o patio anterior á aula da ANPA, o que cumpre, segundo o Concello, “unha demanda de acondicionamento necesaria para todas as persoas usuarias deste centro”. Ademais, efectuouse un cambio nas tubaxes exteriores do centro escolar.
Respecto ao colexio dos Tilos, acometeuse unha poda integral das árbores do parque infantil, “necesaria para o mantemento das árbores e da seguridade para as persoas usuarias, xa que se sanearon pólas en mal estado e con perigo de rotura”.
Con estas obras, que segundo a concelleira de Educación, María Álvarez, supuxeron un custo superior aos 13.000 euros e que se complementaron con outras obras menores a cargo da Brigada de obras Municipal, “pretenden mellorar as instalacións educativas municipais para continuar cumprindo un compromiso municipal cuns niveis óptimos de calidade e de adecuación á comunidade escolar”.
Comments