A interculturalidade, grande protagonista do programa de actividades deste trimestre en ARCOSTILOS
- ASOCIACIÓNS | CULTURA | RSR | ARCOSTILOS
- 8 abr 2015
- 2 Min. de lectura
Durante todo o mes de abril haberá actividades para adultos e mozos e todas serán de carácter gratuito

O próximo xoves 9 de abril darán comezo as actividades para maiores do trimestre intercultural, con “Coñecemos a cultura Árabe da man de Xordania”. Destinada a un público adulto, nesta actividade tratarase a crianza dos fillos nas diferentes culturas e realizarase os días 9, 16, 23 e 30 de abril, de 18:00 a 19:00 horas na Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos. A entrada será gratuita.
Seguindo coas diferentes culturas, os días 10, 17 e 24 de abril, dende as 17:30 as 19:30 horas, celebrarase o “Concurso Intercultural” e o “Cineforum”, onde se proxectarán curtas de valores. Estas actividades, que se levarán a cabo nos locais da Asociación, serán tamén gratuitas e para rapaces de máis de 13 anos. En concreto, o día 10 celebrarase un concurso titulado: "Tu cara me estrella intercultural”, onde os rapaces teñen que presentar eles mesmos os países participantes, e o día 24, os rapaces traballarán con artigos de xornais, revistas e manuais específicos de temática intercultural.
As últimas actividades do mes serán para os máis cativos. O sábado 18 de abril, nenos e nenas de máis de 3 anos poderán desfrutar dun taller de animación infantil, onde haberá contacontos e xogos e farán globoflexia e manualidades. Será de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas no salón cultural do Corte Inglés. O acceso é gratuito.
Ademais, os libros serán os protagonistas da “Semana do libro e a lectura”. Destinada a todas as idades, terá lugar entre os días 20 e 24 de abril, dende as 18:45 horas na Asociación Recreativa e Cultural dos Tilos. Esta actividade tamén será de balde.
Comments