ASPAMITE celebra o seu 20 aniversario con “Somos capaces”
- ASOCIACIÓNS | CULTURA | RSR | Aspamite
- 8 abr 2015
- 1 Min. de lectura
“Somos capaces” é un documental no que se mostran as reformas feitas na asociación por parte dos seus usuarios

A Asociación para Persoas con Diversidade Funcional, ASPAMITE, celebrará o seu vixésimo aniversario o próximo día 19 de abril. No acto, que será ás 18:00 horas no Auditorio da Ramallosa, presentarase o documental “Somos capaces”, no que pode verse de primeira man a reforma que realizaron os membros da asociación nas súas instalacións.
Coa gravación, realizada en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e coa compañía de teatro Chévere, quérese “dar a coñecer as necesidades e as capacidades persoais, sociais e laborais” dos usuarios da asociación, co fin de “proporcionar experiencias e aprendizaxes centradas en habilidades e competencias pre-laborais, que faciliten a incorporación destas persoas ao mercado laboral e melloren a súa calidade de vida".
No acto, que será presentado por membros de Chévere, proxectarase tamén unha curtametraxe do IES Cacheiras, englobada no seu proxecto de alfabetización audiovisual, e “Hefesto 2014”, unha reportaxe audiovisual sobre a igualdade de oportunidades e inclusión social da Casa Azul (Concello de Pontevedra). Ademais, contarán con Begoña Cuquejo, coreógrafa e profesora de danza – teatro, expresión e movemento da Compañía trasPediante.
Dende ASPAMITE esperan contar coa maior asistencia de público posible, co obxectivo de “promover a aceptación social, fomentando unha imaxe positiva, de responsabilidade e compromiso social con este colectivo neste 20 aniversario da asociación”.
Comments