O PSdeG de Teo contacta coas formacións políticas locais para celebrar un debate público
- POLÍTICA | MLC | Agrupación Socialista de Teo
- 14 abr 2015
- 1 Min. de lectura
A agrupación socialista de Teo xa propuxera hai dous meses a celebración deste debate

O pasado 20 de febreiro, a voceira socialista, Uxía Lemus, anunciaba o seu propósito de reunirse coas formacións políticas locais co fin de organizar un debate público entre os candidatos á alcaldía de Teo. Podes ler a nova premendo aquí.
Dous meses despois, dende o PSdeG teense reiteran o seu compromiso pola celebración deste debate aberto. Segundo informan os socialistas, esta mañá contactaron coas agrupacións políticas de Teo para concretar as características do debate.
Ademais, dende o PSdeG de Teo, sinalan o apoio que está a mostrar a cidadanía en favor desta iniciativa, citando asemade o resultado da enquisa que elaborou este medio, na que o 93% dos lectores apoian a proposta.
Os socialistas insisten unha vez máis na necesidade de que este debate público sexa "aberto ás preguntas da veciñanza, emitido en streaming pola web do Concello, e que teña lugar nun local municipal de amplo aforo, como o auditorio da Ramallosa". Ademais, segundo a formación de Uxía Lemus, esta sería unha oportunidade na que os candidatos "poderían confrontar os puntos principais" dos diferentes programas electorais.
Comments