O Concello de Teo pecha cunha evolución positiva a liquidación do orzamento do 2014
- POLÍTICA | MLC | Concello de Teo
- 15 abr 2015
- 1 Min. de lectura
Segundo informa o consistorio, "todos os parámetros presentan melloría e un informe de intevención sinala que se cumpre coa estabilidade orzamentaria, a regla de gasto e a sostenibilidade financeira"
Estes datos foron analizados polo alcalde de Teo, Martiño Noriega, sinalando que “a liquidación do orzamento presenta unha mellora notable nos parámetros económicos máis importantes, e o que resulta aínda máis destacable, unha evolución positiva nos últimos anos”.
O servizo de Intervención do Concello vén de elaborar un informe sobre as contas do consistorio que se presentará no vindeiro pleno do mes de abril e do que se extrae un resultado negativo en canto ao remanente de tesouraría de 563.545 euros, cifra inferior aos 1.236.182 euros en negativo do 2013 e aos 1.578.188 euros en negativo do 2012.
Noriega tamén quixo engadir que “o tema económico sempre é unha cuestión de moito debate, mais as cifras oficiais avalan que todos os parámetros de saúde económica do Concello melloraron nesta lexislatura, aínda máis se os comparamos co 2007, e aínda sendo capaces de pór en marcha servizos básicos e manter as conquistas sociais en materia cultural, educativa ou de servizos sociais”.
Ademais, o Concello salienta que "á vista da documentación, o aforro neto é positivo e o nivel de endebedamento é do 24%, moi inferior ao límite do 75 % a partir do que non se poderían concertar novas operacións de préstamo".
Comments