Ruth Lorenzo Couso acada o cuarto posto na Copa Intercontinental
- DEPORTES | MLC | CSF Teo
- 15 abr 2015
- 1 Min. de lectura
Ruth Lorenzo Couso, karateca do San Francisco Teo, obtivo un meritorio cuarto posto na segunda edición da Copa Intercontinental Feminina

Esta segunda edición da competición celebrouse en Madrid a pasada fin de semana e que reuniu a gran parte das mellores karatecas nacionais e internacionais de categoría absoluta.
Segundo informan dende o Club San Francisco Teo, a competición contou coa participación de karatecas españolas e karatecas procedentes de Exipto, Turquía, Túnez, Marrocos, Serbia, México, Andorra, Suiza e Francia.
Na xornada do sábado, celebrada na localidade de Leganés, Lorenzo clasificouse entre as oito mellores da categoría de -55 kg., malia que unha derrota ante a exipcia Yassmin Hamdy, campioa da categoría, relegouna á loita polo bronce ante a ibicenca Cristina Ferrer, medallista no pasado campionato de Europa e membro da selección española.
O combate polo bronce celebrouse o domingo no Palacio de Vista Alegre de Madrid ante un bo número de afeccionados. Ruth Lorenzo plantoulle cara a unha rival moito máis experimentada que finalmente a deixou ás portas da medalla de bronce. Malia este derrota, o balance que fan dende o Club "é moi positivo xa que a xoven karateca do San Francisco continúa coa súa traxectoria ascendente e co firme propósito de ocupar lugares de privilexio nesta competición a curto prazo".
A outra participante teense na competición, Nerea Bellido Echebarrieta, tivo tamén unha destacada actuación clasificándose entre as oito mellores da súa categoría (+68 kg.), aínda que non obtivo o pase á xornada do domingo na que se loitaba polas medallas.
Comments