Xa se coñecen os oito finalistas do II Certame de Canción de Autor en Galego
- CULTURA | MLC
- 15 abr 2015
- 1 Min. de lectura
Sofía Espiñeira, Laura Iglesias, Noé Subiela, Isis, Pilar Martínez, Lucía da Fonte, Sandra Tenreiro e Umbra, desputarán a final do certame que se emprazará o vindeiro sábado 25 no auditorio da Ramallosa

Xoán Curiel, xurado e director artístico do Certame, salientou a "grande calidade" das propostas achegadas, que fixo "moi difícil" a elección dos finalistas por parte do xurado, composto ademais por Carme Hermida, Concelleira de Cultura, a artista Najla Shami, o xornalista Juan Torreiro e a xestora musical Inés Portela.
O vindeiro sábado 25 de abril, a partires das 20:00 horas, no CSC A Ramallosa, terá lugar a final da segunda edición deste Certame, na que cada un dos finalistas disporán de oito minutos para defenderen cadansúa actuación, estilo e calidade. Como novidade, segundo informan dende a organización do Certame, este ano o público asistente poderá dar dous accésits, un deles para a mellor canción. A gala terá unha duración de aproximadamente dúas horas e a entrada será de balde.
Os premios para o gañador ou gañadora desta edición, serán a gravación dun EP, unha serie de concertos e a súa promoción na prensa.
O número de propostas presentadas para esta edición, segundo a organización, moveuse en cifras parellas á primera. Ademais, Xoán Curiel mostrou a súa "satisfacción" porque estes traballos serviron para "visibilizar os creadores e creadoras noveis do noso país".
Comments