O PSdeG de Teo presenta a súa candidatura este venres en Cacheiras
- POLÍTICA | MLC | Agrupación Socialista de Teo
- 20 abr 2015
- 1 Min. de lectura
A agrupación socialista, encabezada por Uxía Lemus, presenta a súa candidatura para as eleccións de maio este venres 24 ás 20:30 horas, no local da Asociación Gandeira e Agrícola de Cacheiras

Os Socialistas de Teo presentan este venres, xusto un mes antes da celebración dos comicios de maio, a súa candidatura. Marcada polo seu "compromiso coa igualdade", cunha listaxe "que é paritaria e cremalleira, e con máis mulleres que homes", por primeira vez a candidatura socialista en Teo está encabezada por unha muller.
Uxía Lemus, candidata á alcadía, invita á veciñanza a este acto de presentación sinalando que “en Teo, xa chegou o momento de falar de futuro. Tras anos marcados primeiro por unha política caciquil do PP e despois, por unha política mediática do BNG/Anova Teo, Teo necesita un goberno progresista con proxecto de futuro”.
Uxía Lemus, de 38 anos, é Doutora en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, funcionaria da administración local desde o ano 2007 e concelleira do PSdeG-PSOE de Teo desde hai 4 anos.
Ademais, Uxía Lemus formulará as ideas principais do programa socialista para o 24M, no acto de presentación da candidatura, que terá lugar este venres 24 de abril, no local da Asociación Gandeira e Agrícola de Cacheiras, ás 20:30 horas.
Comments