Imparten un curso de formación en primeiros auxilios para o persoal do CEIP A Ramallosa
- SOCIEDADE | MLC | ANPA Río Tella
- 22 abr 2015
- 2 Min. de lectura
Durante os días 20 e 21 de abril, membros de Protección Civil de Teo impartiron un Curso de Formación en Primeiros Auxilios para persoal docente e non docente do CEIP ARamallosa

O curso foi organizado de forma conxunta polo CEIP e o ANPA Río Tella. Dende o ANPA Río Tella, mostran "o agradecemento tanto á Protección Civil de Teo pola súa dedicación e a súa profesionalidade durante os cursos e ás persoas asistentes".
Segundo a asociación de nais e pais, formularon a realización deste curso tendo en conta que "os accidentes infantís constitúen un grave problema de saúde pública xa que son a primeira causa de morte en nenas e nenas de 1 a 14 anos. Nestas idades, hai máis mortes por lesións que pola suma de todas as demais enfermidades infantís. Porén, está demostrado que se se tomaran as medidas preventivas oportunas, a maior parte destes accidentes poderíanse evitar. De todos os accidentes infantís, o 15% ocorren en centros escolares".
Ademais, segundo a Guía para a Prevención de Accidentes en Centros Escolares que a Protección Civil lles entregou aos asistentes ao curso, "o centro escolar é o espazo onde nenas e nenos pasan unha grande parte do seu tempo e onde, ademais, realizan actividades, como determinados xogos e deportes, que implican riscos engadidos aos habituais. A prevención de accidentes no centro escolar implica a asunción do seu papel como contorno promotor de saúde; por iso a súa tarefa debe ser a de poñer en marcha todas as medidas de prevención posibles, para acadar un contorno seguro, respectando a normativa vixente e adoptando una serie de recomendacións específicas. Pola súa parte, o persoal docente, como axente de saúde na prevención de accidentes, debe transmitir ao alumnado as mensaxes oportunas a través da súa conduta modélica e do traballo na aula. Para cumprir esta tarefa, o persoal ten que coñecer os riscos potenciais do accidente e pór en marcha as medidas preventivas ao seu alcance, pero ademais debe de estar adecuadamente informado para intervir no caso de que se produza o dito accidente".
Komentarze