Alumnado do IES Cacheiras e do instituto de Carral conmemoran o aniversario da Batalla de Cacheiras
- CULTURA | MLC
- 23 abr 2015
- 1 Min. de lectura
Como vén sendo tradición, alumnos do IES Cacheiras e do instituto de Carral percorreron unha parte do roteiro da Batalla de Cacheiras

Ás 10:30 horas da mañá, os alumnos de ambos centros déronse cita no adro da igrexa de Bamonde, onde estiveron acompañados polo alcalde de Teo, Martiño Noriega, o concelleiro de Mocidade, Xurxo Francos e a concelleira de Educación de Carral, Florinda Duarte, ademais dos mestres dos centros de Carral e Cacheiras, con quen repasaron os feitos acontecidos o 26 de abril de 1846.
Os rapaces e as rapazas percorerron ademais parte do roteiro da Batalla de Cacheiras, até a Capela de Santa Eufemia, en Oza, dende onde foron trasladados até o monumento conmemorativo, sito en fronte do Hotel Congreso, en Montouto. Alí, os alumnos recitaron poemas, entre eles, un do poeta Manuel María, adicado aos mártires da batalla.
O roteiro da Batalla de Cacheiras lembra a loita entre os homes do comandante Solís que se levantaran en 1846 contra o goberno ditatorial que instaurara en Madrid o xeneral conservador Narváez e os homes de De la Concha, que viña dende Madrid a repeler o levantamento militar en Galicia. Os coñecidos como mártires de Carral son os mandos da insurrección sofocada en Cacheiras, que foron fusilados o 26 de abril de 1846 nesa localidade coruñesa.


Comments